A Garda Civil confirmou a primeira hora da mañá deste xoves a detención dun home de 53 anos en Salvaterra de Miño por un delito de quebrantamento de condena.
O home rompera a súa pulseira de control telemático e intentou agredir este mércores á súa exparella cun coitelo no Concello das Neves. Os axentes da Garda Civil levaban dende onte buscando o seu paradoiro.
Segundo informaron fontes cercanas ao caso, os feitos ocorreron en torno ás 11:00 horas nunha vivenda da zona da Carrasqueira. O detido, que ten unha orde de afastamento da súa exmuller, presentouse na vivenda tras romper a pulseira de control telemático que portaba.
Alí, intentou agredila cun coitelo e foi a filla de ambos a que mediou para protexer á súa nai. Ao impedir o ataque, a moza quedou ferida leve.
Tras a agresión, o home deuse a fuga. Axentes da Garda Civil iniciaron unha búsqueda activa do agresor, que foi detido finalmente en Salvaterra de Miño.
Aviso importante: Se es vítima de violencia de xénero ou coñeces a alguén que estea a sufrir esta situación, recorda que podes chamar ao 016, o número de atención ás vítimas de violencia de xénero. É un servizo gratuíto, confidencial e que non deixa rastro na factura telefónica, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Tamén podes solicitar axuda a través de WhatsApp no número 600 000 016. En caso de emerxencia inmediata, non dubides en contactar co 112.

