O alcalde de Arbo, Horacio Gil, e a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, veñen de asinar un convenio de colaboración que inclúe a oferta de solo municipal, o que permitirá a construción de vivendas de protección autonómica nunha parcela estratéxica situada no barrio da Estación.
Esta iniciativa xorde “como resposta directa ao incremento notable na demanda de vivenda detectado nos últimos exercicios”, aseguran dende o goberno municipal. “Ante a necesidade de dotar de novas opcións residenciais ao municipio e a dificultade de atopar inmobles dispoñibles no mercado local”, o Goberno municipal priorizou esta colaboración interadministrativa co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para “garantir o dereito a unha vivenda adecuada”.
Tras unha análise técnica preliminar, o Concello e a Xunta de Galicia identificaron como idónea a parcela de titularidade municipal situada na Estación. O terreo cumpre con todos os requisitos técnicos e urbanísticos esixidos pola normativa vixente e polas directrices do IGVS para a edificación de vivendas protexidas.
Os obxectivos principais desta adhesión son: incrementar o parque de vivenda no concello, facilitar que as familias e a mocidade de Arbo poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio e, ao mesmo tempo, optimizar o uso do solo público mediante o financiamento e a capacidade técnica do IGVS.
O alcalde Horacio Gil, manifesta que “este acordo supón un gran logro para Arbo. A nosa prioridade absoluta é fixar poboación e conseguir que ningún veciño ou veciña teña que marchar por non atopar unha vivenda asequible. Coa aprobación deste convenio, poñemos solo municipal a disposición do interese xeral para evitar a especulación, dar alternativas á nosa mocidade e mellorar de xeito real a calidade de vida da nosa xente”, manifestou o rexedor.

