O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cunha ampla representación de empresas e asociacións empresariais situadas no municipio. O encontro forma parte da folla de ruta do Goberno local para manter un contacto directo co sector industrial, “motor económico da vila”, que conta cunha superficie de solo industrial de preto de e 3,5 millóns de metros cadrados.
Durante a xuntanza, Lorenzo loubou o tecido empresarial porriñés e debullou os plans de modernización das áreas industriais. O rexedor destacou que, “ademais dos investimentos realizados con fondos propios, o Concello está a ultimar proxectos que contarán co apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra“.
Unha das principais novidades será a creación de novas áreas de estacionamento, unha demanda tanto do empresariado como dos cadros de persoal, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a funcionalidade diaria dos polígonos.
Co proxecto de orzamentos municipais xa finalizado o alcalde trasladou unha mensaxe de estabilidade e apoio ao sector: “A nosa prioridade é facilitar a actividade económica. Por iso, os novos orzamentos non inclúen subas de taxas tampouco para as empresas e manteñen as bonificacións fiscais para todas aquelas que decidan apostar polo Porriño para instalar os seus proxectos”, sinalou Alejandro Lorenzo. Para promover a implantación de novas empresas e o crecemento das que xa están instaladas, existen, de feito, bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos, sendo os máis baixos de Galicia”. Tamén para promover a creación de emprego.”
O encontro serviu tamén para ultimar detalles do foro de emprego “O Porriño Conecta Talento”, que terá lugar o vindeiro martes 19 de maio. Os empresarios trasladaron o seu máximo interese por esta iniciativa, que reunirá a medio cento de compañías
Este primeiro Foro de Emprego, Formación e Oportunidades nace coa vocación de “converterse nunha ponte directa entre as necesidades de contratación das empresas locais e o talento dos demandantes de emprego, fortalecendo a competitividade do Porriño como referente industrial de Galicia”.

