Venres, Maio 8, 2026
HomeNewsA terraO proxecto de Altri en Palas, a un paso do arquivo pola...

O proxecto de Altri en Palas, a un paso do arquivo pola falta de conexión eléctrica

A Xunta agarda que expire o prazo a vindeira semana para declarar a caducidad dos permisos ambientais e de augas se a empresa non ofrece unha solución técnica inmediata

O proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei atópase nun punto crítico. A directora xeral de Calidade Ambiental, María José Echevarría, recoñeceu este venres no Parlamento que é “moi probable” que o expediente acabe arquivado de forma definitiva ante a falta dunha solución para a súa conexión eléctrica.

O prazo de tres meses concedido á empresa o pasado 19 de febreiro está a piques de expirar. Se a promotora non presenta unha saída técnica á ausencia de interconexión coa rede, quedarán sen efecto tanto a autorización ambiental integrada como o permiso de captación de augas.

Sen conexión á rede eléctrica

A orixe do problema reside en que a subestación prevista pola compañía non foi incluída na planificación da rede publicada en outubro de 2025. Segundo explicou Echevarría, a Xunta considera que existe unha paralización do procedemento “imputable ao promotor” por este motivo.

A responsable autonómica defendeu a prudencia da Consellería ao afirmar que “non ten sentido apurar procedementos administrativos que posiblemente quedarán sen saída”.

O BNG sospeita dunha “trampa” legal

Pola súa banda, o deputado do BNG, Luís Bará, cualificou este posible arquivo como unha “trampa”. O parlamentario nacionalista sospeita que o movemento busca facilitar que a empresa poida alegar ou reclamar unha indemnización millonaria nun futuro litixio.

Bará tamén criticou que o permiso solicitado a Augas de Galicia leve tres anos e medio de tramitación, superando en dous anos o prazo legal establecido.

Á espera de movementos da empresa

Desde a Xunta insisten en que o máis razoable é agardar a que remate o prazo a vindeira semana para ver se Altri realiza algún movemento. De non ser así, procederase á declaración de caducidade dos expedientes.

Echevarría concluíu advertindo que, aínda que o debate público é saudable, este non pode “contaminar os procedementos administrativos”, e asegurou que o arquivo se executará se se determina que o proxecto estratéxico non cumpre os requisitos de viabilidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS