Luns, Abril 27, 2026
HomeNewsActualidadeO Porriño concederá o premio de honra Antonio Palacios a Dora Carrera

O Porriño concederá o premio de honra Antonio Palacios a Dora Carrera

O pleno do Concello do Porriño vén de aprobar a proposta do Comité de Valoración dos III Premios Antonio Palacios que teñen como finalidade de recoñecer as contribucións máis destacadas nos ámbitos da Cultura, a Empresa, o Deporte, o Compromiso social e Premio de Honor.

Dora Carrera, fundadora da Asociación Érguete, é este ano a persoa elixida para recibir o Premio de Honra Antonio Palacios na súa terceira edición. “A única mágoa é que Dora recibirá este premio a título póstumo”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, ao desvelar esta distinción excepcional que concede o Concello do Porriño como “mostra de agradecemento e admiración a aquelas persoas ou entidades cuxa traxectoria vital representa un legado exemplar de servizo á sociedade”.

O premio ao deporte recae este ano no futbolista Gabriel Veiga Novás, máis coñecido como Gabri Veiga. O comité de valoración destes III Premios Palacios 2026, considera que é merecedor desta distinción pola súa “destacada traxectoria deportiva e a súa proxección no fútbol profesional, converténdose nun referente de talento, esforzo e superación para a mocidade”.

O Premio á Empresa este ano recae na Compañía Española de Algas Marinas, CEAMSA. Esta empresa, fundada no ano 1966 e con sede no Porriño é pioneira a nivel mundial na comercialización de hidrocoloides naturais obtidos a partir de algas, como a carraxenina, a pectina ou o alginato. O Comité de Valoración considera que é merecedora desta distinción pola “súa firme aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico que a ten consolidado como referente internacional do seu sector, destacando especialmente polo seu liderado na produción de carraxenina”.

O Premio á Cultura será para o Xogo da Ola, por representar “unha das tradicións máis singulares e identitarias do Porriño, por manter viva ao longo de xeneracións unha celebración que forma parte esencial da nosa memoria colectiva”.

O Premio ao Compromiso Social recae na Asociación e Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais, polo seu longo e constante labor en favor da Wparticipación cidadá, a convivencia e o benestar culturais e de lecer, que fomentan a integracion, o apoio mutuo e o desenvolvemento activo, consolidándose como un espazo de encontro e dinamización comunitaria que promove valores de solidariedade, igualdade e compromiso co tecido social local”.

Formalízase a concesión da rúa a Dora Carrera

Por outro lado, no pleno deste luns aprobouse por unanimidade unha proposta que xa chegaba á orde do día consensuada polos tres partidos políticos da corporación: renomear a rúa onde vivía Dora Carrera, co seu nome.

Este consenso unánime das forzas políticas reflicte a importancia dun legado que transcende siglas e que converte a Dora nun referente eterno de solidariedade e compromiso social en Galicia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS