O BNG de Salvaterra vén de anunciar que solicitará no vindeiro Pleno a redacción urxente dunha ordenanza específica para regular a instalación de novas estacións de servizo dentro do termo municipal.
Con todo, a voceira nacionalista Patricia Mariño subliña que “o feito de que o concello careza de PXOM non pode deixar desamparada á poboación, polo que esixe ao goberno local unha nova normativa municipal que dea garantías sobre a localización das gasolineiras con respecto a zonas densamente poboadas”.
A proposta do Bloque que será defendida no Pleno inclúe a fixación de distancias mínimas entre estacións de servizo e núcleos de poboación, centros educativos, instalacións deportivas e sanitarias, así como a esixencia de estudos de mobilidade que garantan a seguridade viaria nos accesos. Do mesmo xeito, reclámase a incorporación de criterios ambientais estritos.
Os feitos suceden tras o peche repentino durante este mes de abril dunha estación de servizo aberta hai uns meses na localidade, debido, supostamente, á “carencia dalgúns permisos”. Dita estación acumula ademais diversas denuncias de grupos veciñais da zona, que manteñen a súa opinión en contra da debandita estación.
Pola súa banda, o Concello de Salvaterra de Miño vén de publicar nas súas redes sociais que o peche de dita estación “non se debe en ningún caso a unha cuestión de seguridade, se non a un tema administrativo”.
Do mesmo xeito, o goberno municipal precisa que “en canto ós terreos, tal e como se lles traladou ás persoas reclamantes, trátase dun tema civil que debe resolver o xulgado e onde o Concello non ten competencia”.

