O aeroporto de Santiago pechará este xoves, e durante 35 días, para renovar a súa pista. Con todo, as obras obrigarán a reorganizar temporalmente o tráfico aéreo en Galicia. A gran parte dos desvíos faranse á terminal da Coruña.
A previsión é que a terminal compostelá volva abrir o vindeiro 27 de maio, tempo preciso para renovar a pista de aterraxe e despegue, que levaba sen actualizarse dende o ano 2008.
As obras foron iniciadas a mediados do mes de xaneiro, pero en horario nocturno, polo que non foi preciso pechar o tráfico aéreo.
A maiores do pavimento propio da pista, as obras tamén renovarán os sistemas de axudas á aterraxe en condicións de baixa visibilidade.
Tal e como explicamos, o aeroporto coruñés de Alvedro será o encargado de acoller a maior parte do tráfico de Lavacolla durante os 35 días de peche. Así, a cidade aumentará ata nun 70% o seu tráfico habitual, pasando dos 20 e 30 vós diarios a superar os 40 ou 50 ao día.
Deste modo, aos seis destinos que ten agora (Madrid, Barcelona, Tenerife Norte, Gran Canaria, Xenebra e Milán) sumaránse outros cinco (Sevilla, Málaga, Palma de Mallorca, Londres e París); así como reforzos nas rutas a Barcelona, Gran Canaria e Tenerife Norte.
Pola contra, no aeroporto de Vigo só está previsto reforzar a conexión con Barcelona.

