Venres, Abril 17, 2026
HomeNewsActualidadeMos saca a licitación a xestión da nova escola infantil do Rebullón

Mos saca a licitación a xestión da nova escola infantil do Rebullón

O Concello de Mos aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a licitación do servizo de xestión da escola infantil municipal do Rebullón, que entrará en funcionamento no vindeiro mes de setembro.

Trátase dun novo recurso público destinado á atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos, que permitirá ampliar a oferta municipal en 41 prazas máis neste tramo de idade e reforzar a conciliación da vida familiar e laboral.

Prazo aberto para as empresas

Coa aprobación do expediente, ábrese un prazo de 15 días naturais desde a publicación do anuncio no perfil do contratante para a presentación de ofertas. O contrato terá unha duración inicial dun ano, correspondente ao período entre setembro de 2026 e agosto de 2027, con posibilidade de prórroga por outro ano adicional.

Requisitos das empresas

As entidades interesadas deberán acreditar solvencia económica e financeira, así como experiencia na prestación de servizos similares, e contar coa correspondente habilitación para a xestión de servizos de atención á primeira infancia en Galicia. Ademais, deberán presentar un proxecto educativo, que terá un peso relevante no proceso de valoración xunto coa oferta económica.

A licitación supón a fase final do proceso previo á apertura do centro, unha vez rematadas as obras de construción das instalacións. A Xunta de Galicia financiou este proxecto cunha achega económica superior aos 700.000 euros.

O contrato inclúe a xestión completa do centro, que abranguerá tanto a atención educativa como a organización e funcionamento ordinario da escola infantil.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS