Fin do lume no municipio ourensá de Vilardevós, en Ourense. Medio Rural vén de emitir o último informe sobre os incendios forestais que teñen lugar en Galicia e apunta que este fogo deuse por extinguido ás 12:24 horas deste venres. Arrasou con 578,7 hectáreas.
Pola contra, continúa activo o lume que asora á Fonsagrada, en Monteseiro, que calcinou xa 120 hectáreas e que se iniciou ás 15:30 horas do martes. Segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas.
Ademais, están controlados os incendios de Salceda, o das Neves e o de Camariñas así como o de Ponteveso e As Pontes de García Rodríguez, entre outros.
Controlado As Pontes de García Rodríguez-O Freixo
Está controlado desde as 10.20 horas de hoxe o incendio forestal do concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, parroquia do Freixo, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 22.03 horas do mércores e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 14 axentes, 22 brigadas, 17 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Controlado Camariñas-Xaviña
Segue controlado desde as 07.16 horas de onte o incendio forestal do municipio coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña. O lume iniciouse ás 16.57 horas do martes e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas do mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 23 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Está tamén controlado dende as 23.52 do mércores o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas deste martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 22 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ao longo do día de onte puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Continúa controlado desde as 19.13 horas de onte mércores outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Activo A Fonsagrada-Monteseiro
Segue activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
Controlado A Fonsagrada-Cereixido
Está xa controlado desde as 21.30 de onte xoves o incendio rexistrado neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 20 hectáreas. Este lume iniciouse o mércores ás 13.07 e, para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 2 técnicos, 12 axentes, 17 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 5 avións.
Extinguido Vilardevós-Terroso
Deuse por extinguido ás 12.24 de hoxe o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que finalmente afectou a unha superficie de 578,7 hectáreas, das cales 59,08 corresponden a monte arborado e 519,62 a raso. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse un total de 12 técnicos, 69 axentes, 98 brigadas, 64 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado As Neves-San Pedro de Batalláns
Desde as 22.01 horas de onte está controlado o incendio forestal do concello pontevedrés das Neves, parroquia de San Pedro de Batalláns, no que foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
O lume iniciouse ás 16.41 horas do mércores e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 15 axentes, 24 brigadas, 19 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 2 avións.
Controlado Salceda de Caselas-A Picoña
Ás 18.58 horas de onte quedou controlado o incendio do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas. O lume iniciouse ás 16.17 horas do mércores e foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Pedrapinta, situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 4 técnicos, 14 axentes, 24 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).