sábado, febrero 15, 2025
InicioNewsComarcasO Porriño clausura o obradoiro de emprego "Porremprego Cualifica II"

O Porriño clausura o obradoiro de emprego «Porremprego Cualifica II»

Hoxe tivo lugar clausura do obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica II”. Este programa de formación dual foi impulsado polo Concello do Porriño en colaboración coa Xunta de Galicia. A iniciativa permitiu a 20 persoas desempregadas formarse en dúas áreas de alta demanda, relacionadas coa cociña e coa comunicación e economía dixital.

Os participantes recibiron os seus diplomas acreditativos da man do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; e da concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas. Tamén da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado; e a directora do obradoiro, Ángela Vizoso.

O obradoiro, que tivo unha duración dun ano, permitiu aos alumnos adquirir formación en dúas especialidades de gran relevancia no mercado laboral. Estas foron Restauración e Tecnoloxías da Xestión da Información e a Comunicación.

Na área de cociña, os participantes levaron a cabo diferentes actividades, como o servizo de comedor social dirixido a colectivos máis desfavorecidos. Ademais, prepararon almorzos saudables para os colexios e a organización de xornadas temáticas gastronómicas de portas abertas, entre outros. Pola súa banda, os alumnos de tecnoloxías da información e da comunicación traballaron na modernización dos procesos administrativos do Concello. Desta forma, dixitalizaron o arquivo municipal, coa notable tarefa de procesar un total de 2.000 expedientes.

O programa “Porremprego Cualifica II” contou cun orzamento próximo aos 600.000 euros. Concello e Xunta puxeron en marcha xa a edición 2024-2025, o obradoiro “O Porriño Humaniza” que se centrará, con outra vintena de participantes, na construción. En concreto, en operacións auxiliares de revestimentos continuos, pintura decorativa e operacións auxiliares de acabado rígidos e urbanización. Así mesmo, en operacións de formigón, pavimentos e albañilería de urbanización cun orzamento de máis de 400.000 euros.

Clausura do obradoiro de emprego

A concelleira Rosario Costas fixo fincapé na importancia de iniciativas como esta para mellorar a calidade do emprego e fomentar a integración laboral dos colectivos máis vulnerables. “O emprego é un motor fundamental para o benestar social, e este tipo de programas reforzan anosa aposta pola formación continua como clave para afrontar os retos do mercado laboral actual”, apuntou Costas.

Pola súa banda, a directora xeral Zeltia Lado agradeceu “ao Concello a súa implicación e compromiso para a posta en marcha do obradoiro, ao profesorado e aos alumnos e alumnas por poñerlle tantas ganas e pola súa motivación”. Lado destacou tamén que estes obradoiros de emprego “constitúen esa ponte idónea para a inserción no mercado de traballo, por ese dobre atractivo que teñen. Por unha banda o alumnado aprende un oficio mentres traballa e gaña un soldo, e por outra banda proporcionan aos concellos eses recursos necesarios para ampliar e estender os servizos municipais, un beneficio por tanto que se estende a todos os veciños”.

Na súa intervención, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de apostar pola formación e o emprego como ferramentas clave para o desenvolvemento do Porriño: “Hoxe pechamos un ciclo de formación que abriu novas portas ao mercado de traballo para 20 persoas, quen non só adquiriron coñecementos e habilidades, senón que tamén contribuíron de maneira directa ao servizo público do Concello. Investir en formación e emprego é investir no futuro da nosa xente e do noso pobo”.

O rexedor quixo agradecer o respaldo da Xunta de Galicia para poñer en marcha esta e outras iniciativas de emprego. “Este obradoiro foi un exemplo claro de como, a través da colaboración entre as administracións, podemos ofrecer oportunidades reais de inserción laboral mentres melloramos os servizos que se prestan á cidadanía”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS