martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas contará cunha festa de Pre Fin de Ano coa orquesta Kubo

Ponteareas contará cunha festa de Pre Fin de Ano coa orquesta Kubo

Ponteareas acollerá, como unha das principais novidades da programación do Nadal, a festa de Pre Fin de Ano coa actuación da orquesta Kubo. A celebración terá lugar o venres 27 de decembro, a partir das 21.00 horas, na Praza Maior. Esta axenda tamén trae outras actividades novas como o Tren do Nadal, que terá como punto de partida a Praza Bugallal. Esta acción dará comezo este domingo, 1 de decembro, a partir das 16.00 horas como preludio do acendido das luces. Esta inaguración do alumeado do Nadal terá lugar ás 18:30 horas na Praza Bugallal e contará con animacións na rúa, a cargo de Animacreques, ás 18.00 horas.

Tras o acendido das luces, Ponteareas acollerá diversas citas musicais, obradoiros, actividades deportivas e diferentes accións de lecer para todos os públicos. Así mesmo, o municipio acollerá, desde o vernes 13 de decembro ata o domingo 5 de xaneiro, o Mercado de Nadal. Cun horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, desde ás 16.00 ata ás 21.00 horas, diferentes postos estarán dispoñibles nas instalación da Nave de Aceros do Tea.

Tamén haberá recepcións aos protagonistas destas festividades. O domingo 22 de decembro será o turno de Papa Noel na Praza de Bugallal ás 18.00 horas. Ademais, nesta xornada, a partir das 16.00 horas, haberá unha Papanoelada moteira polas distintas parroquias. Os Reis Magos chegarán ao Salón de Plenos para a súa recepción o domingo, 5 de xaneiro, ás 12.00 horas. Tras esta acción, ás 18.00 horas dará comezo a Cabalgata de Reis cun percorrido por diversas rúas da vila. Esta actividade será o broche final da programación, aínda que ata o 16 de febreiro estará dispoñible a exposición de Artistea, «A cerámica castrexa en Galicia: Investigación e Recuperación».

Máis actividades da programación

A residencia de artistas de Ponteareas acollerá dúas exposicións dentro da axenda de actividades do Nadal. A primeira está aberta ao público ata o 21 de decembro baixo o título «Alfonso Quinteiro: Alma de Ponteareas». Por outra banda, a segunda tivo a súa inaguración onte e estará, como xa adiantamos, ata o 16 de febreiro en Artistea.

A programación do Nadal tamén conta con actividades para os máis pequenos. O mércores 4 de decembro haberá un contacontos infantil na sala multiúsos Reveriano Soutullo. A agrupación Teatro Calavera achegará a Ponteareas a súa representación «Aninmaladas» a partir das 18.00 horas. O xoves 26 de decembro tamén haberá un contacontos na Nave de Aceros do Tea. Noelia Porto divertirá a todos con «Nadal en prácticas» ás 17.00 horas. Os nenos tamén poderán disfrutar do espectáculo «El mundo de los muñecos» o sábado, 14 de decembro, no Auditorio Reveriano Soutullo. Así mesmo, dentro da programación haberá obradoiros, concertos e outras actividades de lecer para todos os públicos.

Por outra banda, o Nadal en Ponteareas contará con catas de viños nas instalacións da Nave de Aceros del Tea. As xornadas escollidas son o venres 13 e os sábados 21 e 28 de decembro. Para esta actividade é necesario realizar unha reserva a través do teléfono 673855422.

Dentro das accións relacionadas co deporte resalta a Carreira San Silvestre, a partir das 16.00 horas, o martes 31 de decembro co punto de saída na Praza Maior. Ademais, Ponteareas acollerá o sábado 4 de xaneiro o Campionato Galego de Ciclocross. Esta última actividade deportiva da programación do Nadal terá lugar no Campo de Fútbol de Pardellas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS