martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasAtopan dous corpos máis na fosa de San Miguel de Cabreira, en...

Atopan dous corpos máis na fosa de San Miguel de Cabreira, en Salvaterra de Miño

O grupo Histagra do CISPAC (USC) atopou en total corpos de catro individuos na fosa de San Miguel de Cabreira (Salvaterra de Miño). Por agora non se pode extraer conclusións definitivas destes descubrimentos por parte dos traballos de exhumación que comezaron o pasado 18 de novembro. Os colectivos da Memoria do Morrazo achegan a hipótese de que puideran ser cinco veciños desaparecidos en Moaña en 1936. As súas familias reclaman a súa busca, exhumación e identificación, pero non se puido aínda verificar este punto. A Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña aseguran que «as probas ata agora recollidas apuntan a isto». Ademais, o colectivo engadiu nas redes sociais que no caso de confirmarse a hipótese «faltaría aínda un por aparecer».

A historiadora do proxecto Conchi López, explicou que os traballos na fosa “foron complicados. Debido a que é un espazo que presenta unha estratigrafía complexa e un terreo que foi parcialmente alterado”. Na escavación atopáronse importantes niveis de recheo “ata chegar a localizar o enterramento de dous individuos. Foron exhumados para poder analizar os seus restos e comprobar se son vítimas da violencia golpista de 1936”. Nunha segunda fase, e unha vez chegado ao substrato natural, optouse por realizar unha ampliación. Nesta apareceron indicios de dous enterramentos máis, nos que se está traballando actualmente.

Informe histórico previo de Histagra

Segundo o informe histórico previo de Histagra, coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e investigadores locais, “buscabamos o enterramento de cinco persoas que foron inscritas no rexistro civil de defuncións como «descoñecidas» o 19 de outubro de 1936, tras ser paseadas no lugar de Curros, a un escaso quilómetro do cemiterio onde foron inhumados”, explica Conchi López. Actualmente, dúas fillas/sobriñas dos moañeses reclaman ao equipo a procura, recuperación, identificación e entrega dos restos.

A desaparición foi un fenómeno “relativamente frecuente”, segundo sinalan os datos da base de datos de Nomes e Voces. Das 18.000 vítimas rexistradas, ao redor dunhas 5.000 foron asasinadas, e unha quinta parte foron desaparecidas. “É dicir, estamos a falar de nomes sen corpo e corpos sen nome, como é o caso desta fosa”, advirte a investigadora de Histagra.

Con esta exhumación o grupo Histagra dá por rematado o I Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024), financiado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática en colaboración coa USC e a Xunta de Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS