jueves, noviembre 7, 2024
InicioNewsComarcasO primeiro museo do videoxogo, en Cangas, intégrase no Sistema galego de...

O primeiro museo do videoxogo, en Cangas, intégrase no Sistema galego de centros museísticos

O Consello aproba a orde de creación e cualificación da entidade, que está situada no concello de Cangas, creada en 2020 pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia

A Xunta de Galicia asinou o acordo de creación e cualificación para a incorporación ao Sistema galego de centros museísticos do primeiro Museo do Videoxogo (Muvi). Asimesmo, esta decisión foi a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A entidade está no concello de Cangas e foi creada en 2020 pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. Esta decisión determinouse tras unha visita técnica ao centro, o pasado 26 de setembro. Nesta verificouse o cumprimento dos requisitos esixibles para formar parte desta rede.

O Consello acorda a inserción desta entidade por diversas razóns. Entre elas destacan o feito de ser a primeira relacionada co mundo do videoxogo de Galicia e das poucas existentes en España. Achégase ao público, desde a perspectiva da expresión artística e cultural, como unha ferramenta educativa, lúdica, interactiva e saudable. Neste senso, a colección alberga un total de 2.256 xogos, 300 deles de fondo galego. Ademais, conta con 400 elementos de hardware e dispositivos, cos cales se dá difusión á historia deste eido temático pondo en valor o desenvolvemento do sector en Galicia.

Este convenio reflicte o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con iniciativas culturais. Sobre todo, coas que promoven a transmisión de información de interese para a sociedade e a preservación de material histórico. O organismo avaliado conta cun plan museolóxico en que se reflicten as áreas funcionais básicas necesarias para o funcionamento da institución. Estas áreas son: documentación e conservación; difusión e comunicación, e administración, e coordinadas entre si desenvolven as súas liñas programáticas. Deste xeito, esta entidade cumpre coas características necesarias para acadar a categoría de centro museístico.

Integración do Museo do Videoxogo

O Museo do Videoxogo, unha vez creado, pasará a integrarse no Sistema galego de centros museísticos, do cal forman parte na actualidade un total de 88 centros. Deles 68 son museos e 20 son coleccións museográficas. A integración a este organismo da Xunta permitiralle acceder a liñas de axudas públicas, asesoramento técnico e potenciación da súa divulgación no Portal de museos de Galicia. Tamén establecer relacións con outras entidades e coleccións, participar en accións formativas e ter prioridade noutras propostas colaborativas ou actividades itinerantes promovidas polo Goberno galego.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS