martes, diciembre 3, 2024
InicioO PaísA CoruñaOs Bonos Comercio regresan con 2,5 millóns de euros para seguir impulsando...

Os Bonos Comercio regresan con 2,5 millóns de euros para seguir impulsando os negocios locais

Os negocios que desexen participar no programa poderán adherirse atendendo ao que estableza a orde desta iniciativa, mentres que cada cidadán poderá descargar un bono desconto de ata 30 euros a partir do próximo 4 de novembro

O Consello da Xunta de Galicia coñeceu hoxe un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2024 dotada con 2,5 millóns de euros. Tal e como indicou o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, o Diario Oficial de Galicia publicará mañá este informe. Así mesmo, abrirase deste modo o prazo para que os establecementos se adhiran e posteriormente se poidan beneficiar todas as persoas interesadas.

“Con este acordo de hoxe, en total, destinamos 5 millóns de euros neste 2024 a esta iniciativa”, explicou. Isto débese a que a esta contía súmanse os outros 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición publicada o pasado mes de abril.

Este programa ten como obxectivo a “potenciación do comercio local” e incentivar a demanda comercial, axudando economicamente as persoas consumidoras. Ademais, fomenta o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, “o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 millóns de euros” en vendas nos establecementos comerciais de proximidade de Galicia.

Bono Activa Comercio 2024

“Cada bono terá un desconto de 30 euros”, sinalou Rueda, que servirán para as compras realizadas nos comercios adheridos. Os negocios que desexen participar nesta iniciativa poderán inscribirse a partir do 23 de outubro atendendo ao que estableza a orde que publicará mañá o DOG. A partir do 4 de novembro, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar o bono desconto na web www.bonosactivacomercio.gal.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, tal e como apuntou o presidente da Xunta, será de “5 euros para compras de entre 20 e 30 euros; 10 euros de rebaixa para compras de entre 30 e 50 euros; e 15 euros no caso de superar os 50 euros de compra”. Como en anteriores ocasións, “cada persoa poderá descargar un único bono”, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos. Non obstante, cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Edicións anteriores

As edicións anteriores desta iniciativa, iniciada no 2021, contribuíron á reactivación das vendas no comercio local. Ademais, axudaron a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.

A última edición, convocada en abril deste ano, saldouse, como apuntou Rueda, con “máis de 6.800 comercios adheridos en toda Galicia. Tamén preto de 300.000 bonos descargados e arredor de 12 millóns de euros mobilizados en compras”. Desta cantidade a Xunta puxo á disposición un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.

Medidas para revitalizar o comercio local

O bono Activa Comercio é unha das medidas para revitalizar o comercio de proximidade e súmase a outras actuacións destinadas, por exemplo, a potenciar as prazas de abastos. O obxectivo é incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

Outra iniciativa da que está aberta a convocatoria son os Premios do comercio galego 2024, para recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial. Tamén teñe como finalidade contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. Os establecementos interesados en optar aos galardóns poderán presentar as súas candidaturas ata o 28 de outubro.

A maiores, o Goberno galego está a traballar na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Prevense telo listo no primeiro trimestre do ano que vén e que ten como obxectivo potenciar o comercio local e impulsar a súa competitividade. Neste sentido, estanse a facer encontros participativos con comerciantes e representantes de asociacións das catro provincias galegas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS