Sábado, Febreiro 14, 2026
HomeNewsComarcasPonteareas recibe por segundo ano consecutivo o Programa Integrado de Emprego de...

Ponteareas recibe por segundo ano consecutivo o Programa Integrado de Emprego de Galicia

Un centenar de persoas beneficiaranse deste programa, no que haberá diferentes formacións nos itinerarios de Almacén, Dixital e Servizos

O Concello de Ponteareas recibe a concesión do “Programa Integrado de Emprego Concello de Ponteareas 2024-2025” por segundo ano consecutivo. Así, Ponteareas consegue de novo unha subvención de 220.000 euros por parte da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. Esta cantidade irá destinada a poñer en marcha este Programa no que, durante 12 meses, 100 persoas poderán especializarse en diferentes formacións nos itinerarios de Almacén, Dixital e Servizos. Así mesmo, o obxectivo principal é aumentar as súas posibilidades de inserción laboral.

O programa diríxese a persoas desempregadas de distintos colectivos. Entre estas agrupacións están persoas menores de 30 anos, maiores de 45, perceptoras de prestacións e subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI). Ademais, inclúese as mulleres desempregadas, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas inmigrantes.

Para poder ser seleccionado é imprescindible estar inscrito como demandante de emprego na Oficina de Emprego de Ponteareas (SPEG). Esta oficina sitúase na rúa Carballos, nº 10, antes do 30 de novembro. O programa inclúe un obxectivo de inserción de, polo menos, o 40 % dos participantes e conta, ademais, cunha beca de asistencia por desprazamento para o alumnado.

A concelleira de Emprego, Silvia Fernández, detallou que “estamos moi contentos por recibir esta nova concesión do Programa Integrado de Emprego. O noso obxectivo é poder seguir axudando a facilitar a formación en diferentes especialidades, así como a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas. Por iso son tan importantes este tipo de subvencións”. Para resolver calquera dúbida, pódese acudir ao Centro de Dinamización Empresarial (situado na Praza Maior, nº 13) ou chamando ao Servizo de Orientación do Concello (986 661050).

Balance 1º Plan Integrado de Emprego

Actualmente, son cen as persoas participantes no 1º ‘Programa Integrado de Emprego Concello de Ponteareas 2023-2024’, das que 64 son mulleres e 36 son homes. En canto ao nivel de inserción, xa se superou o 40 % ao que se comprometera o Concello no seu obxectivo de inserción.

Estes participantes formáronse nos seguintes itinerarios: almacén e loxística, construción e servizos. Tamén recibiron sesións de orientación, información e asesoramento; tiveron sesións de técnicas de motivación para a busca de emprego, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, etc; e máis de 20 participantes fixeron prácticas profesionais non laborais en distintas empresas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS