sábado, diciembre 7, 2024
InicioNewsA terraCorenta comarcas galegas, en emerxencia pola superpoboación e danos do xabaril

Corenta comarcas galegas, en emerxencia pola superpoboación e danos do xabaril

A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 40 comarcas galegas. Así o anunciou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.

Así, na provincia de Pontevedra están en situación de emerxencia cinexética O Condado, Pontevedra, Vigo, Caldas de Reis, Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Na provincia de Ourense: Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana. Na provincia de Lugo: Os Ancares, Chantada, Lugo, A fonsagrada, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos y A Mariña Oriental. E na provincia de A Coruña: Arzúa, A Barcala, Betanzos, A Coruña, Eume, Rerrol, Ortegal, Santiago, Barbanza, Bergantiños, Noia, Ordes e O Sar.

A representante da Xunta explicou que esta é a cuarta vez (tras 2019, 2021 e 2023) que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Tal e como subliñou Marisol Díaz, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.

Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Medidas a tomar para o control da poboación animal

En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.

Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos Tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares -como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados- que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial -persoalmente ou mediante terceiros- con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complementen a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.

As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os Tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 40 comarcas (13 na Coruña, 10 en Lugo, 11 en Ourense e 6 en Pontevedra) que comprenden 260 concellos (77 deles coruñeses, 57 lucenses, 87 ourensáns e 39 pontevedreses) e un 84,7% da superficie total de Galicia.

A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 12 de outubro -data de entrada en vigor das 4 resolucións- ata o 23 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2024-2025. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS