sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Mes da Biblioteca de Tui oferta actividades para todas as idades

O Mes da Biblioteca de Tui oferta actividades para todas as idades

Contacontos para público infantil, celebración do Día das Escritoras dedicado a Emilia Rosende e o encontro dos clubs de lectura con Rexina Veiga forman parte do programa previsto

A Biblioteca Municipal de Tui celebra o Mes da Biblioteca cun programa de accións lúdicas para todas as idades, que se desenvolverá dende este venres 11 de outubro ata o 25 deste mes. Así mesmo, este espazo aproveitará a celebración do 24 de outubro do “Día da biblioteca” para ofertar unha xornada de actividades para os seus usuarios máis cativos.

Este programa para público infantil e familiar ábrese este venres, 11 de outubro, ás 17.30 horas con “A maleta. Contacontos inclusivo en lingua de signos e lingua galega”. Esta actividade será da man de contAZ, dirixido ao nenos a partir dos cinco anos de idade. Por otra banda, o xoves, 17de outubro, no mesmo horario será a quenda do espectáculo “Filipa cos contos”. Esta acción será con Bandullo Azul destinado a nenos con idades entre catro e doce anos. O seguinte xoves, o «Día da Biblioteca», a partir da mesma hora Fantoches Baj presentarán o contacontos “Burromaquia”. A actividade é para as crianzas dende os tres anos.

A Biblioteca súmase á celebración anual, o 16 de outubro, do “Día das escritoras” que este ano 2024 estará dedicado a autora tudense Emilia Rosende. Debido a esta celebración, haberá unha mesa redonda que contará coa presenza da propia autora. Finalmente o mércores 23 de outubro os participantes nos dous Clubs de Lectura que coordina a biblioteca tudense, “María Tydeska” e “Tempo de mulleres”, manterán un encontro coa escritora Rexina Veiga sobre o seu libro “O teu perfil na miña sombra”. Por último, cómpre lembrar que ata venres 25 de outubro continúa aberta ao público a mostra de gravados “A exposición secuestrada. Estampa Popular Gallega. Tui – 1968” na Sala Municipal de Exposicións.

«Por un futuro sostible»

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, lembra que o lema deste ano 2024 do “Día da Biblioteca” é «Por un futuro sostible». Este pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez máis informada, máis igualitaria, solidaria e xusta. Así mesmo, forman una comunidade plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

Como institucións democráticas, as bibliotecas son espazos accesibles abertos á participación da cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento, de posta en marcha de novas ideas e proxectos, sendo especialmente relevantes en zonas rurais e/ou pouco poboadas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS