martes, diciembre 3, 2024
InicioA terraA nosa culturaO Porriño rende homenaxe póstumo a Nuncha e Moncha, coidadoras da capela...

O Porriño rende homenaxe póstumo a Nuncha e Moncha, coidadoras da capela do Cristo durante décadas

Os seus familiares recibirán unha placa conmemorativa despois da celebración de misa solemne o luns 23

O vindeiro luns, 23 de setembro, despois da misa solemne de campaña na Capela do Santísimo Cristo, o alcalde Alejandro Lorenzo, en representación do pobo do Porriño, renderá homenaxe póstumo a dúas mulleres que durante décadas se ocuparon do cuidado da capela: Anunciación Dasilva Coto e Ramona Iglesias Miniño, coñecidas por “Nuncha” e “Moncha”. Os seus familiares recibirán da man de Lorenzo dúas placas conmemorativas en agradecemento ao seu labor.


Nuncha e Moncha encargábanse de todos os quefaceres da capela durante todo o ano: limpeza, decoración, abrían e pechaban as portas, xestionaban arranxos e mantemento. E nas ocasións especiais, como as Festas do Cristo ou o Nadal, as dúas amigas conseguían que os seus veciños e familiares colaboraran na preparación das novenas, misas e procesións, ou na montaxe do Belén que se expoñía nos días de Nadal, un dos mellores da comarca. Algún deses colaboradores habituais eran Lolita de Trillo, Santi del Campo, Balbi, Manuel Valverde, Nati Pérez, Pepito Iglesias e Marisé Legazpi, entre moitos outros. “Era un traballo case a tempo completo o que facían elas. Sempre cun sorriso e pendentes de que todo estivera ben e a punto. Moitas horas de traballo e, ás veces, con prisas e imprevistos que acababan a gargalladas porque ata chegaron a saír da casa correndo e sen falda (con enagua) ou con zapatos dispares, de distinta cor. O importante era que a capela estivera perfecta”, confesa un dos familiares.


“Nuncha e Moncha deixáronnos hai algúns anos, pero seguen presentes como parte da historia do Porriño, porque gracias a elas e a xente como elas, pódense manter as tradicións, a identidade do noso pobo, e merecen un recoñecemento polo seu altruista e dedicado labor para toda a veciñanza”, declara Alejandro Lorenzo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS