sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoRedondela acollerá a cuarta edición do Foro da Muller Rural Galega

Redondela acollerá a cuarta edición do Foro da Muller Rural Galega

Ao abeiro do Día Internacional das Mulleres Rurais, o 18 de outubro celebrarase un encontro no que 15 mulleres compartirán a súa experiencia rompendo barreiras no rural

As mulleres ruraris volven a ser as protagonistas dunha das actividades da iniciativa «EuRural», concretamente, aquelas que representan as que rompen barreiras e todos os teitos posibles para facer do rural un lugar máis igualitario.

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural conmemora un ano máis o Día Internacional das Mulleres Rurais, co Foro da Muller Rural Galega. Esta trátase da cuarta edición dunha iniciativa que busca dar voz a todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.

Como explica a presidenta de EuRural, Sandra González, con esta iniciativa búscase “recoñecer o traballo destas mulleres excepcionais que coas súas historias son un exemplo de esforzo, resiliencia e liderazgo» e sinalaba a parte diferenciadora deste foro, «estamos ante unha oportunidade única de visibilizar o seu labor, que seguro inspirará a futuras xeracións».

15 mulleres cítanse na Casona da Torre

A Casona da Torre de Redondela será o escenario no que o vindeiro mes de outubro se darán cita as 15 protagonistas deste ano. Un grupo de 15 mulleres que compartirán experiencias, visibilizando a súa realidade liderando proxectos, emprendendo ou poñéndose ao fronte e abrindo camiño para as máis novas en sectores tradicionalmente máis masculinizados.

Como novidade, este ano o Concello de Soutomaior, que xa forma parte do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, incorpórase tamén a esta iniciativa.

Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “é un verdadeiro orgullo acoller esta cuarta edición». A rexedora tamén aproveitou para destacar que nesta nova edición, o mar estará moi presente, «a presenza de mulleres do mar de Redondela engade un significado especial ao foro para nós, xa que nos permite dar visibilidade ás historias de esforzo e superación de mulleres que traballan día a día para enriquecer as nosas vilas e preservar as nosas tradicións”.

O encontro terá lugar o 18 de outubro

O vindeiro 18 de outubro as mulleres protagonistas reuniranse nun encontro de networking que comezará ás 18:00 horas. Tras a apertura do acto, chegará a quenda de compartir experiencias e visibilizar realidades coas intervencións das 14 protagonistas e a proxección de pequenas pezas audiovisuais para coñecelas un pouco máis.

Tras este momento de encontro, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña de Redondela.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse nun formulario habilitado na páxina web de EuRural, onde se poderá atopar tamén máis información sobre esta xornada e sobre as edicións anteriores.

Participantes da 4º edición

  • María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda).
  • Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona).
  • Purita Caeiro, de Ultramarinos Caeiro (Gondomar).
  • Lucrecia María García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes).
  • Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos).
  • Puri, peixeira (Nigrán).
  • Cristina Cisne, do Albergue da Estrela (Oia).
  • Celia Diz, da Farmacia Peralba (O Porriño).
  • Liliana Vázquez, do restaurante brasería ‘La Renovadora’ (Pazos de Borbén).
  • Nisi Otero, mariscadora (Redondela).
  • Silvia Diego, condutora de autobús (O Rosal).
  • Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa (Soutomaior).
  • María Gela, mestra no CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño).
  • Luz Ruibal, xerente da Eléctrica de Tui.
مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS