domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeRedondela pon a punto os centros escolares para o inicio do curso

Redondela pon a punto os centros escolares para o inicio do curso

As obras de mellora nos colexios de Redondela xunto cunha achega económica son algunhas das medidas do Concello para o inicio do curso

O Concello de Redondela está a traballar na posta a punto dos centros escolares de ensino público de Infantil e Primaria para o inicio do curso escolar.

Por iso, a alcaldesa, Digna Rivas, visitou un dos centros para analizar as labores que se están realizando no CEIP Alexandre Bóveda, en Chapela. Na visita acompañárona o concelleiro de Ensino, Iván Valles, e o concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, para comprobar xunto coa dirección do centro a marcha dos traballos de mellora.

En concreto, nesta escola do barrio de Angorén, renovouse o firme do parque infantil e dos accesos ás pistas deportivas. Ademais, instalouse unha horta no recinto do colexio.

Noutros centros, como o CEIP Laredo tamén en Chapela, fixéronse melloras na seguridade viaria durante o verán, coa reordenación das prazas de aparcadoiro, a ampliación dun paso de peóns, o rebaixe de beirarrúas e a apertura dun novo acceso para o centro, entre outras actuacións.

Digna Rivas, alcaldesa do Concello de Redondela, explicou que estas accións levaranse a cabo nos doce centros de Infantil e Primaria do municipio. As labores dependerán de «as demandas dos propios colexios, como o cambio de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética, traballos de albanelería e reparacións de carpintería, entre outros.”

As labores nas zonas axardinadas e achegas económicas súmanse ás obras de mellora

Por outra parte, o departamento de Parques e Xardíns que ten como concelleiro a Pedro Villaverde, tamén atópase traballando na posta a punto das zonas axardinadas e patios dos colexios. Villar explicaba que «as obras irán realizándose ao longo dos vindeiros meses» e engadía que «son unha colaboración que facemos desde o Concello para axudar aos centros”.

O goberno local tamén realizou unha achega económica aos colexios para a súa autoxestión, na que a partida anual é de máis de 100.000 euros destinados a sufragar gastos de reparación e mantemento.

Por último, desde o Concello de Redondela trasladaron á Consellería de Ensino da Xunta de Galicia a necesidade de obras de reforma integral nalgúns centros da localidade.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS