sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui conmemora o 25 aniversario do primeiro monumento colectivo á memoria dos...

Tui conmemora o 25 aniversario do primeiro monumento colectivo á memoria dos represaliados

O 27 de xuño de 1999 inaugurábase na Alameda de San Domingos, en Tui, o Monumento aos Represaliados, obra do escultor Silverio Rivas,  por iniciativa da Comisión cidadá pola Verdade do 36. Este mes, cando se cumpre o 25 aniversario daquela data, haberá dous actos conmemorativos desta efeméride. O primeiro será este sábado, 15 de xuño, na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez, coa inauguración dunha exposición; e o segundo, o domingo 30, na propia Alameda de San Domingos.

“O Concello de Tui, coma institución, non podía ser alleo á conmemoración deste aniversario”, subliña o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, que define o levantamento do monumento coma “un acto pioneiro de memoria histórica”. Cabaleiro tamén ten palabras de recoñecemento para Antonio Fernández Rocha, alcalde de Tui no momento en que se ergueu o monumento, “que foi plenamente consciente da necesidade de render tributo ás persoas represaliadas polo franquismo no ano 36 en determinados lugares deste concello, que sufriu coma ningún outro a represión franquista dunha forma brutal”. Aquel acto, dí, “foi meritorio dende o punto de vista social e político”.

Os actos conmemorativos deste 25 aniversario consistirán nunha exposición que será inaugurada este sábado, ás 20 horas na Sala Municipal, e un acto na Alameda o 30 de xuño, ás 12 horas, con tres apartados: un musical no que participarán o grupo Os Carballas e Samuel Diz; un poético con Pepe Cáccamo, Cecilia Riobó, Francisco Álvarez Koki e Cristal Méndez, e a intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, as escritoras Marga do Val e María Reimóndez, e o escritor e xornalista Jose Viale Moutinho.

Pola súa banda, Cuqui Piñeiro, comisaria da exposición, explica que a mostra estará dividida en catro apartados: o relato da Comisión Cidadá pola Verdade do 36, a exposición dos pintores que formaron parte da poxa para recadar os cartos para o monumento, unha homenaxe a Silverio Rivas e ao monumento, e por último, unha semblanza dos represaliados, que se recollerá tamén no catálogo da exposición.

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña organiza esta programación coa colaboración do Concello de Tui.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES