sábado, julio 27, 2024
InicioNewsComarcasA voceira do PSOE de Salceda, Verónica Tourón, renuncia por motivos persoais

A voceira do PSOE de Salceda, Verónica Tourón, renuncia por motivos persoais

A voceira do PSOE de Salceda, Verónica Tourón, presentou oficialmente a súa renuncia como edil da corporación municipal. A súa renuncia responde, di, a unha decisión persoal. “A miña firme convicción de que as persoas que nos dedicamos á política deben renovarse nos cargos públicos e creo que é o momento de dar paso a novas persoas nunha transición sosegada, tranquila e con total apoio aos novos compañeiros que formarán o grupo municipal nesta lexislatura”, valora Tourón, explicando tamén que “actualmente estou inmersa nun novo proxecto profesional que require plena dedicación”.

Nas distintas reunións celebradas nos últimos meses, a executiva local trasladou en todo momento o agradecemento ao traballo realizado pola ex-alcaldesa durante os 9 anos que desempeñou o cargo de concelleira, tanto no seu inicio como voceira do grupo municipal na oposición, e sobre todo na última lexislatura na que Verónica Tourón foi a primeira alcaldesa socialista de Salceda, detalla o PSOE nun comunicado.

Neste comunicado Verónica Tourón quere agradecer o apoio da veciñanza tanto electoral como persoal, “sen as xentes de Salceda nada do que fixen na miña vida política houbera tido sentido e non tería sido posible. E por suposto, quero agradecer aos meus compañeiros e compañeiras da agrupación, o seu apoio incondicional, sempre sentín que camiñaban comigo na ardua tarefa da política. Somos un gran equipo ó que seguirei acompañando, porque todos eles e elas representan para min o claro exemplo de como se pode servir á cidadanía do teu pobo de maneira digna, humilde e honesta.”

“Foi unha inmensa honra haber exercido como concelleira as dúas últimas lexislaturas e tamén como alcaldesa”, destaca Tourón, que remata facendo unha reflexión dirixida a todas as persoas que desenvolven a súa labor política no contexto actual: “A política non debe de ser un mero artificio ausente de principios e de ideas, de populismo, onde a imaxe e a polémica non poden pesar máis ca xestión de goberno para mellorar a vida das persoas. A política debe ser nobre, honesta e limpa, e quen a desenvolve debería ser auténtico exemplo de todo isto para non desvirtuar a principal ferramenta que temos para defender os dereitos de todas e de todos.” Finalmente, a executiva local traslada que Verónica Tourón seguirá dirixindo a agrupación local, seguirá aportando a súa experiencia e coñecementos para fortalecer o proxecto renovado que queremos construír para Salceda dende o PSdeG-PSOE.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES