domingo, mayo 19, 2024
InicioNewsActualidadeO Celta feminino terá identidade mosense

O Celta feminino terá identidade mosense

A sección de fútbol feminino da UD Mos será o embrión do novo proxecto celeste

A Unión Deportiva Mos será o Celta Feminino. Esta foi a gran nova que se deu na Asamblea do equipo mosense celebrada esta tarde no Campo de Fútbol das Baloutas.


Con esta noticia histórica para o Celta e para Mos nace a colaboración entre o clube celeste e a UD Mos. Colaboración que fai historia para ambos, pois o RC Celta pon en marcha o proxecto que o completa: o fútbol feminino, e para o clube mosense suporá que a canteira do Celta Feminino estea nas Baloutas.


A creación do Celta Feminino é un nacemento longamente esperado para o clube celeste. E agora RC Celta e Unión Deportiva Mos suman as súas forzas para lanzar un proxecto diferente e ilusionante, sostible e con identidade propia, que permitirá que o clube celeste enriqueza a súa canteira, o seu crecemento e a súa proxección co fútbol feminino. A sección de fútbol feminino da UD Mos será o embrión deste proxecto baseado na canteira, a competitividade e a ambición, que serve para completar ao RC Celta e impulsar de maneira notable a este deporte no sur de Galicia.


O equipo nacerá a próxima tempada en Terceira Federación, máis equipos infantil, cadete e filial, coa clara vocación de crecer sen pausa apoiándose na formación de xogadoras e na oportunidade que para as nenas da área supón dispoñer dos recursos adecuados para loitar polo seu soño: xogar ao fútbol.


As “abellas” do Mos Feminino recibiron esta fin de semana, antes do partido, a visita da presidenta do RC Celta, Marian Mouriño, e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que estiveron acompañadas polo presidente da Unión Deportiva Mos, Pablo Alonso Serodio, e aproveitaron a oportunidade para felicitar ás xogadoras da UD Mos polo novo vínculo co clube celeste que están a vivir con tanta emoción, ilusión e orgullo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES