HomeNewsActualidadeO BNG propón á Deputación de Ourense unha modificación dos orzamentos do...

O BNG propón á Deputación de Ourense unha modificación dos orzamentos do INORDE

O grupo do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense vén de presentar unha emenda de 567.000 euros aos orzamentos do próximo ano do INORDE (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), co obxectivo, segundo aseguran de “reorientar os recursos do organismo cara a unha nova liña de colaboración con entidades públicas e privadas destinada a impulsar actividades de dinamización económica e social no conxunto da comarca de Ourense”.

Así o anunciou o deputado do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, quen aclarou que esta proposta “non modifica a posición da formación nacionalista”, que “volverá defender no Pleno da Deputación do vindeiro 3 de decembro unha emenda aos orzamentos xerais que implicará a desaparición do INORDE como organismo autónomo”.

Puga explicou que a proposta do BNG parte dunha “cuestión de eficiencia na xestión dos recursos públicos”, ao tempo que afirma que “non estamos dicindo que teñan que desaparecer as actividades que desenvolve o INORDE, senón que moitas delas poden ser asumidas e executadas directamente pola propia Deputación, sen necesidade de manter unha estrutura independente”. Neste sentido, puxo como exemplo a desaparición do INLUDES na Deputación de Lugo, cuxas funcións vinculadas ao ámbito agrogandeiro e turístico foron integradas na propia institución provincial.

O deputado nacionalista cuestionou tamén a “falta de apoio do resto dos grupos da oposición á proposta de eliminación do organismo”, lembrando que “existe unha maioría na Deputación que permitiría impulsar cambios neste sentido”.

Ao tempo, e “mentres non se produce ese cambio” o grupo considera “necesario actuar sobre o funcionamento do INORDE e os seus orzamentos”. Concretamente, propoñen minorar en 567.500 euros distintas partidas dos capítulos 1, 2, 4 e 6, para crear unha nova área de gasto nos capítulos 2 e 4 baixo a denominación “Investimentos e colaboración da Deputación de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social na provincia de Ourense”.

Específicamente, a emenda contempla unha minoración de 24.000 euros no capítulo 1, correspondente a complementos retributivos vinculados a tarefas de secretaría e intervención do organismo; de 316.500 euros no capítulo 2, relativo a gastos correntes; de 122.000 euros no capítulo 4, destinado a transferencias correntes, e de 105.000 euros no capítulo 6, correspondente a investimentos.

No relativo aos gastos correntes, o BNG fundamenta parte das reducións na “baixa execución dalgunhas partidas” e na “posibilidade de que determinados traballos técnicos sexan realizados directamente polo persoal da Deputación, evitando a súa externalización”. Así mesmo, Puga cuestionou o recurso ás axudas nominativas a concellos e entidades, defendendo que estas colaboracións deben “articularse mediante bases reguladoras e procedementos de concorrencia competitiva”.

O deputado insistiu en que a emenda presentada trátase dunha “proposta construtiva para modificar a orientación dos recursos públicos e achegar o INORDE aos obxectivos que lle atribúen os seus propios estatutos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS