lunes, abril 29, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui amplía a tres días a súa secular Feira Cabalar de San...

Tui amplía a tres días a súa secular Feira Cabalar de San Telmo

Durante tres días celebrarase este ano a tradicional e secular Concentración Cabalar de San Telmo en Tui, coincidindo coas festas patronais de San Telmo.  

Esta actividade, que reúne en cada edición a milleiros de persoas, foi ampliando os últimos anos a súa programación, de maneira que neste 2024 serán tres días de feira cabalar.

A programación comezará o sábado, 6 de abril, ás 16 horas co Concurso de Salto Hípico San Telmo organizado por Equigalia. No mesmo participarán clubs hípicos de toda Galicia.

O domingo, 7 de abril, o programa abrirase ás 10.30 horas coa Copa San Telmo de Horseball cun triangular sub 21 e un dobre sub 13. Proseguirá ás 12.30 horas cun concurso de saltos, e tras o xantar popular, continuará ás 17 horas con exhibición de enganche, para dar paso, ás 19.30 horas ao espectáculo ecuestre de Miguel da Fonseca, que por vez primeira participa na concentración tudense.

O luns, 8 de abril, festivo local en Tui, a actividade comezará ás 8 horas coa compra-venda de gando. Este ano introdúcese coma novidade unha exhibición de labranza cun arado tirado por mulas. Pola mañá realizarase unha xincana tanto infantil coma para adultos cuxa final será ás 17 horas.  

Novamente o luns volverase a contar co espectáculo de Miguel da Fonseca ás 14 horas e ás 19.30 horas. Pola tarde, ás 18 horas, celebrarase un concurso exhibición de arrastre con varias categorías.

Haberá tamén outras actividades coma o Poni Club o domingo de 17 a 19 horas e o luns de 11 a 13 horas. Na concentración outorgaranse premios especiais ao mellor xinete, amazona, poni, carruaxe, burro, mula, e xinete e amazona máis novos. Tamén haberá galardóns para o tratante con máis cabezas, burros, ponis e cabalos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES