jueves, mayo 2, 2024
InicioNewsO PaísO TSXG avala a sanción imposta pola Xunta a un profesor por...

O TSXG avala a sanción imposta pola Xunta a un profesor por chamarlle «pokemon» ou «tranformer» ao alumnado

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a suspensión de funcións durante 18 meses e 15 días imposta pola Xunta a un funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, con destino definitivo nun centro de formación profesional de Pontevedra, como autor responsable de dúas infraccións graves: unha por falta inxustificada de rendemento; e, a outra, por desconsideración grave cara a persoas coas que se relacionou no exercicio das súas funcións.

O TSXG tivo en conta o informe do Servizo de Inspección Educativa de data 19 de febreiro de 2021, no que indica que, ao longo dos cursos 2018-2019 e 2019-2020, o director do centro tivo que advertir ao recorrente, “de maneira verbal e en reiteradas ocasións”, que a súa actitude na aula e respecto do alumnado, así como a súa práctica docente, “non eran as máis acertadas”, xa que recibiran en Dirección numerosas queixas do alumnado, as cales proseguiron nos cursos posteriores. Finalmente, o 17 de marzo de 2021 a Xunta adoptou o acordo de incoación do procedemento disciplinario contra o demandante e, o 21 de decembro de 2021, ditou a resolución sancionadora.

O castigo pola falta inxustificada de rendemento baseouse nos seguintes feitos: non informar ao alumnado da programación didáctica; impuntualidade; falta de explicación da materia; incoherencia en criterios de cualificación; os exames non demostraron a consecución dos obxectivos específicos; nalgúns exames figuran comentarios como “un desastre” ou “moi frouxo”, sen realizar ningunha análise nin indicación; o único instrumento de avaliación era un exame por trimestre; non utilizou en ningún momento a aula virtual nin os medios dispostos pola Xunta; utilizou o WhatsApp como instrumento telemático; e non cumpriu coas instrucións recibidas por parte da Xefatura de Estudos.

A Sala salienta que, tanto a través da proba testifical de, polo menos, oito alumnos/as, e da declaración da xefa de estudos, quedou acreditado que o profesor “se ausentaba habitualmente da aula sen xustificación durante as clases e deixaba só ao alumnado”. Ademais, o TSXG destaca que quedaron debidamente acreditados “todos e cada un dos feitos en que se fundou a imputación de falta inxustificada de rendemento”.

Ridicoulizou aos alumnos

En canto aos feitos consistentes na desconsideración grave ao alumnado, o alto tribunal galego tamén entendeu probado o emprego de alcumes inapropiados “para referirse a moitos alumnos, ridiculizándoos e descualificándoos” co emprego de expresións como “Pokemon”, “Miau”, “Transformer” ou “drogadicto”; así como a utilización de contestacións desagradables, cortantes ou displicentes con algúns alumnos; o trato de favor respecto a algunhas alumnas polo seu aspecto físico e idade; o emprego de comentarios sexistas e insinuantes para referirse a algunhas das alumnas; a realización de preguntas innecesarias e persoais; a intervención nas conversacións das mozas na aula; e comportamentos inapropiados, sen seguir as pautas pedagóxicas ás que está obrigado un docente.

O TSXG, desta forma, rexeitou o recurso interposto polo profesor contra a sentenza do Xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra que confirmou ambas as sancións. Os maxistrados explican que na resolución sancionadora “se xustifica a sanción imposta pola infracción grave de falta inxustificada de rendemento co argumento de que estamos ante condutas persistentes ás que debe imputarse un alto grao de culpabilidade, despois de que o inculpado foi advertido do incorrecto da súa conduta, sen modificala (salvo no relativo ao uso de WhatsApp e no rexistro de faltas de asistencia), ao que hai que engadir a incidencia negativa aos intereses públicos e do alumnado”. Ademais, o TSXG subliña que, singularmente, “no referido ao deficiente uso dos medios telemáticos nos momentos nos que a relación profesor-alumno e o proceso de aprendizaxe se sostiña neses medios, o uso deficiente dos instrumentos de avaliación, as ausencias inxustificadas da aula e a metodoloxía empregada, cuestións que limitaron de maneira notoria o dereito do alumnado a un ensino de calidade”.

Respecto á sanción de suspensión de funcións de 11 meses imposta pola desconsideración grave cara aos alumnos, os maxistrados destacan que “igualmente concorre a intencionalidade, persistencia e dano aos intereses públicos e particulares dos alumnos”. Os maxistrados destacan que os feitos imputados “se refiren a condutas continuadas que se produciron ao longo dun curso académico, polo que non resulta imprescindible a especificación de datas respecto a os que se imputan, sendo así que os testemuños foron tan claros, concretos, coherentes e congruentes, que non cabe dubidar deles, máxime ao ser coincidentes cos documentos que os apoian”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES