sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal reforma integralmente a Escola Unitaria das Eiras

O Rosal reforma integralmente a Escola Unitaria das Eiras

O Rosal continúa coa súa aposta pola educación de proximidade a pola recuperación do patrimonio. O Concello está a rematar as ambiciosas obras de rehabilitación da Escola Unitaria das Eiras, instalacións que este curso escolar acollerán ao alumnado da Escola Unitaria de Tabagón mentres se leva a cabo a súa reforma integral, coa que se reorganizarán os espazos e se mellorará a eficiencia enerxética.

A reforma estrutural da escola das Eiras amosa o esforzo do Concello por preservar o patrimonio local, modernizar as instalacións educativas e promover a sostibilidade nos edificios municipais. “As escolas son unha prioridade para nós, xa que ademais de ser inmobles con gran valor arquitectónico e patrimonial, son equipamentos de grande importancia para potenciar o ensino de proximidade, que contribúe sen dúbida a fixar poboación”, como salientaron a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo, nunha visita ás instalacións.

Cun orzamento de case 41.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello do Rosal procedeu a realizar melloras na cuberta e nos interiores da Escola Unitaria das Eiras, un edificio de 1955 deteriorado polo paso do tempo. Xunto á renovación do tellado, reparáronse interiores, rematáronse os aseos e cambiáronse as fiestras, contribuíndo así a unha maior eficiencia enerxética do edificio.

O Concello leva a cabo esta reforma estrutural non só para que alumnado e equipo docente poidan desfrutar dunhas instalacións confortables durante este curso escolar, senón que se busca adaptar o edificio para o seu futuro uso por parte da veciñanza e do tecido asociativo, converténdose nun espazo de lecer e convivencia e nun espazo educativo adicional.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES