sábado, julio 27, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta confirma a presenza de mosquito tigre en Cangas

A Xunta confirma a presenza de mosquito tigre en Cangas

A indentificación dun exemplar foille comunicado ao Concello, que se incorporará ao comité técnico para o control deste vector.

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección dun exemplar de mosquito tigre no concello de Cangas.

Ante a aparición deste insecto en Moaña, de forma preventiva, a Rede xa instalara trampas en Cangas para confirmar ou descartar a diseminación do mosquito tigre en municipios limítrofes. Desta forma, en paralelo á colaboración cidadá a través da aplicación Mosquito Alert, entomólogos de ReGaViVec identificaron un exemplar en Cangas, o que lle foi comunicado á alcaldesa da localidade. 

Polo tanto, o Concello de Cangas sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre.

Así mesmo, ampliouse a vixilancia de maneira preventiva aos concellos de Bueu e Vilaboa e, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública organizará o vindeiro xoves, día 31, unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, na que participarán expertos en sanidade ambiental, epidemioloxía e entomoloxía.

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal á hora de seguir os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue,  chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Así, lémbrase eliminar puntos de auga estancada como bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións. Debe procederse simplemente ao seu baleirado ou renovación da auga cada 4-5 días.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES