lunes, mayo 20, 2024
InicioNewsRueda anuncia a aprobación do I Plan de Igualdade da Administración Autonómica

Rueda anuncia a aprobación do I Plan de Igualdade da Administración Autonómica

- Resalta que o Plan contará con 74 medidas en oito eixos estratéxicos centrados en promover a conciliación, impulsar a formación neste eido ou garantír a igualdade no acceso e promoción de emprego público

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión desta mañá o I Plan de igualdade da Administración autonómica que contará cun conxunto ordenado de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificulten ou impidan a igualdade efectiva de mulleres e homes no ámbito da Administración galega. O documento “conta co voto a favor das organizacións sindicais CCOO, UXT e CSIF”, indicou Rueda.

O titular do Goberno galego explicou que a elaboración deste plan –liderada pola Dirección Xeral da Función Pública- partiu dunha diagnose da situación en materia de igualdade no seo da Administración, que se nutriu dos resultados “de enquisas, voluntarias e anónimas, realizadas entre todos os traballadores para que aportaran a súa visión” das necesidades existentes neste eido.

Neste marco, o plan contará cun protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, así como cunha relación dos obxectivos a alcanzar coa aplicación das 74 medidas que contén o documento, estruturadas en oito eixes de actuación.

Un dos eixes principais deste Plan será o compromiso coa igualdade con medidas coma a promoción da linguaxe inclusiva. Ademais, tal e como explicou Rueda, incidirase no acceso ao emprego público e provisión de prazas para que no caso de haber infrarrepresentación dalgún xénero e que os dous candidatos teñan iguais méritos “dirimirase o empate a favor do xénero menos representado”. Do mesmo xeito, o presidente salientou que outro dos obxectivos principais do Plan é mellorar a conciliación dos empregados públicos “incluíndo salas de lactancia ou escolas infantís” nos centros públicos que se considere necesario.

Outro dos eixes deste Plan de Igualdade será a saúde laboral e a prevención de riscos, “cun rexistro que recolla datos segregados por sexos”; mellorar e promover a formación en igualdade entre os empregados públicos así como deseñar unha guía de corresponsabilidade na Administración.

Por último, o Plan contará con accións específicas ante situacións de especial protección. Neste eixo inclúese, segundo explicou Rueda, “a elaboración dun código interno de conduta para fomentar unha organización baseada na igualdade e contra calquera tipo de acoso ou discriminación”.

Ademais, o Plan recollerá tamén sistemas de seguimento e avaliación das medidas que se van poñer en marcha, polo que o documento incluirá un sistema de seguimento para cada unha das 74 medidas.

Coa aprobación deste plan de igualdade dáse cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia que, a resultas dunha Proposición non de lei presentada na Cámara, instou ao Goberno galego a poñer en marcha medidas encamiñadas a garantir os dereitos de conciliación do persoal da Administración pública, así como a promover a corresponsabilidade.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES