domingo, mayo 19, 2024
InicioActualidadeCulturaMáis de 1600 ferramentas líticas foron recuperadas do xacemento paleolítico das Gándaras...

Máis de 1600 ferramentas líticas foron recuperadas do xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño

- Un equipo de investigadores desenvolve esta semana unha nova fase dos traballos de investigación no que é o xacemento paleolítico máis importante e antigo de Galicia

O equipo de investigadores liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, da Universidade de Vigo e do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), retoman estes días os traballos de investigación das Gándaras de Budiño, o xacemento paleolítico máis importante e antigo de Galicia.


Esta sería a terceira intervención na zona, e a primeira dende que se determinou que
os niveis máis antigos do xacemento datan de máis de 310.000 anos e se confirmou
que no Porriño viviron os primeiros habitantes de Galicia.


Os traballos, que contan co apoio económico do Concello do Porriño, consistiron na
última campaña nunha excavación dun área de 30 m cadarados, que complementaban
a fase de sondaxes arqueolóxicos de 2018 que deu valiosa información sobre as
condicións de formación dos depósitos xeolóxicos e, sobre todo, das densas
acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar. E é que se trata dun
xacemento de referencia para Galicia tras o seu descubrimento en 1961 por Emiliano
Aguirre, reputado arqueólogo impulsor do proxecto de Atapuerca.


Naquel momento determinouse erroneamente que tiña unha antigüidade duns 26.000
anos, algo que levou a concluír que no noroeste da Península Ibérica existía un
paleolítico anacrónico e tardío respecto do que acontecía no resto do suroeste
europeo e consolidaba a equivocada idea do atraso secular de Galicia.


Nesta pequena superficie recuperáronse xa 1623 artefactos líticos, entre os que
destacan abundantes exemplos de bifaces e outras pezas características do tipo
achelense.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro Marcos Martínez, visitou
hoxe o xacemento para interesarse polo desenvolvemento dos traballos e incidiu no
“valor cultural e patrimonial que estes teñen para O Porriño xa que nos axudan a escribir a nosa historia e tamén, en gran parte, a do resto do mundo”. Incidiu o rexedor
en que a man do Concello estará sempre tendida para “que continuedes coa
investigación e a posta en valor deste tesouro que gardou a nosa terra durante
séculos”.


Os traballos desta terceira fase concluirán este venres e, en colaboración co Concello
do Porriño, os nenos e nenas do campamento municipal participarán nunha visita
guiada para coñecelos. Ademais será tamén unha xornada de portas abertas na que
todo aquel que queira coñecer de primeira man a excavación poida facelo guiado
polos arqueólogos que dirixen o estudo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES