viernes, mayo 10, 2024
InicioNewsComarcasPacto de investidura das tres forzas de esquerdas en Salceda

Pacto de investidura das tres forzas de esquerdas en Salceda

Movemento Salceda (MS), Partido Socialista e Bloque Nacionalista chegaron onte a noite a un acordo para a investidura da candidata de Movemento, Loli Castiñeira, mañá sábado. As tres forzas, que suman 7 concelleiros fronte os 6 do PP, traballarán dende o luns en pechar un pacto de goberno, segundo fontes da negociación.

O acordo parte dun borrador de pacto inicial enviado por MS ás demais forzas a pouco de coñecerse o resultado das urnas que establece a investidura de Loli Castiñeira, candidata de MS, como alcaldesa, e a repartición de áreas a PSOE e BNG.

Nunha nota de prensa, MS explicou onte pola tarde que lle propuxeron ás outras forzas “a formación dun goberno forte e sólido para seguir transformando Salceda”.

Por outra banda, o PSOE e BNG comunicaron que pecharon un acordo (entre eles) que respecta o resultado electoral do 28 de maio, “para garantir a investidura na alcaldía que represente unha maioría social da cidadanía”.

No seu escrito indican que é vital realizar un control financeiro dando cumprimento ao plan de axuste actual ao que se acaba de acoller voluntariamente o concello de Salceda. Ademais o documento recolle unha serie de demandas para dar resposta ás necesidades básicas que as dúas formacións políticas, PSdeG-PSOE e BNG, consideran imprescindibles para a veciñanza de Salceda nos próximos catro anos.

Resaltan as dúas formacións políticas a necesidade de impulsar solucións para mellorar a situación da sanidade, con especial fincapé na situación da pediatría. Así como a continua mellora dos centros educativos e a execución do saneamento. Tamén no documento recóllese a elaboración do Plan Xeral realizado entre todas as organizacións políticas que forman parte da corporación e contando coa participación veciñal, unha cuestión que xa figuraba na proposta inicial de MS.

No documento de MS recóllense 26 propostas de traballo, a maioría delas comúns no programa electoral das tres forzas. Establécense tamén diversas liñas estratéxicas de goberno, que para MS pasan por iniciar os traballos de redacción do PXOM, un Plan integral de Saneamento ou a realidade das Escolas de fútbol Denis Suárez, nas que se traballaría de maneira conxunta no equipo de goberno e mesmo coa participación nas mesas de traballo do PP de Salceda.

Movemento Salceda entregou tamén unha proposta de distribución de áreas, centradas fundamentalmente no perfil das persoas que ocuparán as diferentes concellerías, mantendo en mans do PSOE áreas que xa xestionaron nesta pasada lexislatura, e propoñendo para o BNG as áreas relacionadas coa facenda municipal, na cal basearon os nacionalistas a súa campaña electoral.

Propóñense tamén a eliminación de gastos propagandísticos como a rescisión do contrato coa empresa que xestiona as redes sociais do Concello, que pasarían a ser xestionadas de maneira interna, a reestruturación de departamentos municipais que permitan alcanzar unha maior eficacia e eficiencia ou a licitación de servizos públicos que supoñerían un importante aforro para a economía municipal.

Insisten desde Movemento Salceda en que este “non é un documento de máximos senón un documento realista co único obxectivo de seguir mellorando a vida da veciñanza, formando un goberno forte e estable para o próximos catro anos”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES