lunes, mayo 27, 2024
InicioActualidadeCulturaÁngel Santos gana no Festival de Cans

Ángel Santos gana no Festival de Cans

Mellor curtametraxe de Ficción, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Protagonista Feminina coa curta “Alicia fai cousas”

A XX edición do Festival de Cans baixou o pano esta noite co acto de entrega de premios nas distintas categorías competitivas do certame. O gran gañador deste edición foi o realizador Angel Santos (Marín, 1976), que obtivo catro dos premios principais: Mellor curtametraxe de Ficción, Mellor Dirección, Mellor Guión e Mellor Protagonista Feminina coa curta “Alicia fai cousas”. Trátase dun triunfo histórico en Cans xa que ninguén ata o de agora conseguira gañar en catro categorías tan importantes coa mesma curtametraxe. 

“Alicia fai cousas” conta a historia dunha moza de 25 anos á quen se lle meteu na cabeza que está aburrida e mentres se prepara para unha audición pensa se debería apuntarse a algún curso ou se vai ou non a unha festa. O guión premiado é do propio Ángel Santos e de Pablo García Canda e o premio á mellor actriz foi para a súa protagonista, Alicia Armenteros. 

Angel Santos é un cineasta cunha longa traxectoria que xa presentou en Cans en 2015 a longametraxe “Las altas presiones” e que na pasada edición do certame obtivo o premio ao Mellor Guión por “Así vendrá la noche”. O xurado (composto por Santi Prego, Isabel Ruíz Lara, Carla Subirana, Alberte Branco e Nerea Barros) xustificou o galardón á Mellor Curta de Non Ficción a “Alicia fai cousas” pola determinación amosada para ir á contra da linguaxe dominante. 

O resto de premios na categoría de Ficción/Animación foron para Eduardo Rodríguez Cuña “Tatán” (Mellor Actor por “O coidado”), Mario G. Cortizo (Mellor BSO por “O neno sardiña”) e Paula Quiroga (Mellor Fotografía por “Ulises”). Ademais, o xurado fixo dúas mencións especiais, unha para o director Félix Brines polos seu traballo en “Ulises” e outra para os guionistas Lorena Ares e Carlos Fernández por “Amanece la noche más larga”.

PREMIOS NAS SECCIÓNS FURACÁNS E NOVAS CAMADAS

Na sección Furacáns, dedicada ás curtametraxes de non ficción, o premio foi para a curta “Mariví, na pel da memoria”, das irmás Coral e Laura Piñeiro, que conta a historia da correspondencia entre dúas persoas que naceron na mesma vila. Unha delas é Mariví, a filla dun alcalde republicano que tivo que exiliarse con 14 anos por culpa do golpe franquista. O xurado tamén fixo unha mención especial á “Ningún Deus”,  opera prima de Miriam Opazo Ojea. 

No que se refire á sección Novas Camadas, na que competiron os realizadores menores de 25 anos, o premio foi para “Despois de ti”, da realizadora Paula Pereira. É unha curtametraxe rodada nas Illas Cies dentro do concurso de curtas “Desafío Illas Cíes”. 

O festival pecha esta noite a edición do seu 20 aniversario cun balance moi positivo pola gran afluencia de público rexistrada e o bo ambiente que marcou o desenvolvemento do certame, que por primeira vez estendeu a súa programación durante cinco días e contou con máis de 25 actuacións musicais, ademais das distintas proxeccións das seccións competitivas e non competitivas e múltiples actividades paralelas (coloquios, roteiros, visitas de colexios, etc).

Directores como a franco-armenia Valérie Massadian e o galego Enrique Otero e destacados actores como María Vázquez, Luis Zahera, Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, Diego Anido ou Tamar Novas estiveron presentes nesta edición aniversario do evento. 
Links con acceso ás fotógrafías: Iránse actualizando ao longo da xornada. Prégase asinar as fotos co nome da fotógrafa/o que figura en cada arquivo. 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES