viernes, mayo 3, 2024
InicioComarcasLouriñaA Louriña acolle a 1ª Fase do Campionato Galego de seleccións comarcais

A Louriña acolle a 1ª Fase do Campionato Galego de seleccións comarcais

O luns 20 disputaranse os encontros masculinos no Lourambal, no Porriño, e o martes 21 os femininos nos campos de As Baloutas e Cototorrón, en Mos

O Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga acolleu a presentación do Campionato Galego de Seleccións Comarcais (Vigo, Pontevedra, Ourense, A Costa, Santiago, Lugo, Ferrol e A Coruña) que se disputará entre Porriño e Mos o luns 20 e o martes 21 de febreiro.
Na presentación estiveron a rexedora local mosense, Nidia Arévalo; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o concelleiro de Deportes do Concello de Mos, José Areal; o concelleiro de Deportes do Concello do Porriño, Abel Estévez; os presidentes dos clubs de fútbol mosenses Louro Tameiga, Patricio Farrapeira, e Unión Deportiva Mos, Pablo Alonso Serodio; e a secretaria do club de fútbol Porriño Industrial.
O luns 20 de febreiro xogarase a primeira fase de seleccións masculinas Sub 11 de Fútbol 8 e Sub 13 de Fútbol 11, nos Campos de Lourambal de O Porriño.
E o martes 21 xogarase a primeira fase de seleccións femininas Sub 11 de Fútbol 8 e Sub 14 de Fútbol 11 nos Campos mosenses de As Baloutas e Cotororrón. En total Mos acollerá o vindeiro martes a un total de 300 rapazas futbolistas chegadas de toda Galicia.
Todos os partidos disputaranse entre as 10:00 horas da mañá e as 18:15 horas da tarde, coas correspondentes quendas para xantar.
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, destacou sobre esta cita deportiva do vindeiro martes en Mos que “supón para nós unha auténtica honra acoller a primeira fase dun Campionato Galego destas características, e acoller ademais os partidos das seleccións femininas; xa que somos un municipio referente en fútbol feminino cun equipo, o UD Mos Feminino, en Primeira Nacional”. “O martes centos de xogadoras galegas congregaranse en Mos, o que é un verdadeiro orgullo para este Concello, e polo que quero tamén dar as máis sinceras grazas aos clubs anfitrións, o Louro Tameiga e a Unión Deportiva Mos, que as acollerán na súa casa: nos Campos de Fútbol Municipais de Cototorrón e As Baloutas. Ademais ambos clubs son un verdadeiro exemplo de esforzo e traballo duro, así como de apoio e impulso do deporte base, tan importante e no que está a clave do éxito das categorías superiores”, concluíu Arévalo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES