lunes, febrero 26, 2024
InicioA terraVilasPorriño, capital do Val da Louriña

Porriño, capital do Val da Louriña

As Gándaras e o Faro de Budiño, o Castelo de Cans ou a Risca son algunhas das paraxes naturais que podemos visitar na vila do Louro e que se completa coas diferentes obras do afamado arquitecto Antonio Palacios

O patrimonio natural e arquitectónico, xunto coa ruta Xacobea son os grandes atractivos que o municipio do Porriño presenta ao visitante. Veciños e foráneos poden desfrutar de rutas, sendeiros, recunchos e paisaxes verdes en calquera das oito parroquias que conforman o Concello. As Gándaras de Budiño son, sen dúbida, un dos espazos naturais por excelencia, un ecosistema de gran valor ecolóxico, declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) dentro da Rede Natura 2000. Neste lugar, podemos atopar asentamentos paleolíticos, pero o máis destacado é a súa flora e fauna excepcional. Tanto os bosques de ribeira, as turbeiras, como a zona pantanosa aportan datos de grande interese científico que se estenden ás aves migratorias, aos réptiles coma o sapoconcho común e outras especies. Constitúe unha ampla depresión de máis de 700 hectáreas que ademais de tres parroquias porriñesas, abrangue outras dúas de Tui (Ribadelouro) e Salceda de Caselas (Budiño).

Se vemos ao leste podemos observar o Faro de Budiño, un dos lugares máis importantes da provincia na práctica da escalada que á súa vez é miradoiro e área recreativa, ao igual que tamén o son os montes da Risca e o Castelo de Cans, onde estivo o castelo de Miravel.
O Patrimonio do Porriño ten mostras de interese en cada un dos apartados en que o clasificamos, o inmaterial destaca pola supervivencia de antigas tradicións como a dos ramos de San Brais de Budiño, o Xogo da ola no Entroido porriñés e as rondallas de Reis.
Hai tamén un rico patrimonio etnolóxico nos muíños destacando os grupos da Laxe en Cans, do Castro en Atios, os do Cotiño en Budiño, os de Filgueiras en Chenlo, os do monte da Cañota en Mosende e o Muíño de Pousadela en Pontellas; e tamén de cruceiros e petos de ánimas.

Cabe destacar a importancia do patrimonio arquitectónico. Na parte relixiosa, as igrexas e capelas de orixe medieval reconstruídas na Idade Moderna que se espallan por tódalas parroquias conservándose a maior antigüidade no románico de Budiño; na arquitectura civil, os cinco pazos de Mosende, Pontellas e Budiño, e de época máis recente, todo un conxunto de casas, soportais e edificacións diversas da vila do Porriño. O grupo máis sobresaínte ten relación coas obras deseñadas polo arquitecto Antonio Palacios: A Fonte de Palacios, na praza do Cristo, foi inaugurada en 1905; a Botica Nova que proxectou para o seu irmán Pepe Palacios foi rematada en 1912; o Templete de San Luís para o Metro madrileño foi deseñado en 1919 e trasladado en parte ao Porriño en 1971 e a máis importante das realizadas na súa vila natal, a Casa do Concello. Construída en 1921 tralo forte deterioro da anterior, levantouse con pedra local facendo un edificio innovador nos conceptos arquitectónicos, encadrada nas correntes modernistas, máis en concreto na rexionalista.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES