viernes, abril 26, 2024
InicioNewsO PaísFeijóo enxalza a modernización do proxecto expositivo do Museo do Pobo Galego

Feijóo enxalza a modernización do proxecto expositivo do Museo do Pobo Galego

O presidente da Xunta visitou hoxe as novas salas que albergarán a Historia de Galicia na Época Antiga e Sueva.

O máximo mandatario de Galicia,  Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a modernización do proxecto expositivo do Museo do Pobo galego para poñer a Galicia ante si mesma e seguir promovendo a galeguidade aberta; “recuperando o folclore, as tradicións e a antropoloxía; e promovendo exposicións e todo tipo de iniciativas que facilitan que nos recoñezamos como pobo, que tomemos plena conciencia do noso, que nos vexamos herdeiros dunha cultura secular e que nos concienciemos á hora de protexela e divulgala dentro e fóra”, abundou.

Durante unha visita ás novas salas da Colección Permanente do Museo do Pobo Galego, que contou cun investimento de 3,4 millóns de euros a través do Consorcio de Santiago, no que participa o Goberno galego, Feijóo trasladou os parabéns ao Padroado, por ofrecer un exemplo de colaboración público-privada no eido da cultura; e ao Museo, por seguir deseñando novos proxectos que contribúen a facelo máis diverso e conectado con outras institucións.

Non en van, esta ampliación albergará, de momento, a Historia de Galicia na Época Antiga e Sueva, a través de: tres módulos con 64 manifestacións artísticas e culturais; un discurso museístico moderno e máis audiovisual; e obxectos de gran valor, entre eles, 19 doados por institucións da Xunta, como a agulla de óso de Punta Atalia ou vidro da Cidadela de Sobrado dos Monxes.

“Unha proposta, en definitiva, que arroxará luz sobre unha época fascinante da nosa historia e que non só se abre ao público galego e nacional, senón que tamén se dirixe aos visitantes internacionais interesados en coñecer o que Galicia foi, para comprender o que Galicia é”, aseverou.

Nesta liña, o presidente do Executivo autonómico salientou que co paso dos anos, o Museo do Pobo Galego acreditou por méritos propios o seu papel como cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia, que se reforzou en 2012, coa consideración da Biblioteca como de especial interese para a Comunidade; e que se potencia co Arquivo, co traballo do Departamento Educativo de Acción Cultural e cun grande afán investigador.

Feijóo concluíu lembrando que entre 2021 e 2022 a Xunta investirá 36 millóns de euros para apoiar a rede museística da Comunidade e promover o atractivo e riqueza da cultura galega. “Desta achega case 10 millóns estarán destinados á programación de actividades nos distintos centros”, precisou, ademais de garantir o compromiso coa creación dun Sistema Galego de Centros Museísticos, ao abeiro da Lei de Museos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES