As obras, financiadas integramente pola Xunta de Galicia, supoñen unha inversión de preto de medio millón de euros.

O Concello do Porriño saca a licitación o proxecto de humanización do antigo Campo da Feira do Porriño, unha reforma que se acometerá en virtude dun convenio de colaboración asinado entre a entidade local e a Axencia de Turismo de Galicia. O orzamento das obras, financiadas ao cen por cen pola Xunta de Galicia, ascende a 498.213,12 euros.
Este espazo verde, situado en pleno centro urbano foi durante moitos anos unha gran carballeira onde se realizaban as feiras semanais. Ademais, nel emprázase un dos maiores tesouros patrimoniais da vila: o Templete de San Luis, antiga entrada ao Metro de Madrid deseñada por Antonio Palacios.
Na actualidade perdeu por completo a súa esencia e non é funcional, nin a zona de lecer nin o parque infantil que no n dispón dos elementos en condicións para o desfrute dos nenos e nenas. Ademais de supoñer unha pésima carta de presentación do casco urbano, ao atoparse nunha das principais entradas ao mesmo, de aí que a mellora comprenda a humanización deste parque e da súa contorna máis próxima, incluíndo a Avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil.
“Con este proxecto o que queremos é recuperar a antiga esencia da carballeira e campo da feira e facer deste espazo un lugar de encontro, mellorando a mobilidade peonil, conectándoo co núcleo urbano, o camiño de Santiago e o cemiterio municipal, aumentando a zona verde e, por suposto, poñendo en valor o Templete de San Luis para fomentar a recuperación histórica e patrimonio inmaterial do lugar”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que agradece a disposición da “Xunta de Galicia tanto a poñer en valor o noso patrimonio como a promocionalo co fin de dalo a coñecer, consérvalo e potenciar a promoción turística”.
Posta en valor do Templete de San Luis
A rehabilitación do Templete de San Luis xira en torno á súa posta en valor, respectando a súa localización á vez que se mellora a súa conexión e visibilidade.
Dispoñerase un espazo de graderío vexetal en torno a el que lle dará un novo uso como pano de fondo de pequenos actos e conferencias e tamén como porta de acceso ao cemiterio. Ademais, comunicarase co camiño de Santiago e crearanse espazos de estar, descanso, reunión, convivencia e máis zonas de sombra. A maiores, proxectouse a restauración do monumento.
Área de xogo infantil con gran vinculación á auga
Un dos grandes obxectivos do executivo local é facer máis atractivo e útil este espazo, sobre todo para os máis pequenos. Por iso, e á vista de que a zona de xogo actualmente non cumpre as súas funcións, dispoñeranse novos elementos xogo para todas as idades na zona central. Proponse tamén a substitución da pista deportiva por uns chorros de auga que se integrarán na praza central e completarase a oferta lúdica con pequenas zonas de xogo que se situarán nas lomas vexetais do parque.
Cabe destacar, que o Concello elaborou un plan de mellora dos 38 parques infantís do municipio que inclúe a renovación e mellora de elementos e solos para que os nenos e nenas do Porriño dispoñan de espazos aptos para xogar con seguridade.
Humanización
Un dos principais obxectivos deste proxecto é o de conectar o parque co resto do espazo urbano para o que se conectará mediante beirarrúas e pasos de cebra empedrados directamente coa zona peonil de San Bieito e se humanizará a rúa Parque Infantil. Os límites do parque borraranse e xerarase un espazo do que se poderán espazos de estar, vinculados aos locais de hostalería.

¿E ti, es de Tweet?