Falaron, entre outras cuestións, sobre un concerto enmarcado no Xacobeo.

O emblemático grupo mosense, Malvela, do que forma parte a cantante Uxía, reuniuse no Concello de Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, para coordinar conxuntamente as axudas municipais e autonómicas, así como unha actuación e o acto de presentación, con motivo do lanzamento do seu novo disco, ‘O Benquerer’.

A gravación deste novo traballo foi realizada en dúas xornadas desenvolvidas os pasados 27 e 28 de decembro, nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso que alberga a Escola Municipal e Conservatorio Profesional de Música de Mos.

Durante a xuntanza celebrada esta mañá no salón de sesións da Casa Consistorial mosense abordáronse as axudas relativas ao lanzamento do Benquerer. Desde a administración local mosense intermédiase para que o grupo mosense conte con subvención da Xunta de Galicia para o acto de presentación do disco, o deseño e confección dos traxes do novo vestiario, e un concerto incluído na programación do Xacobeo 2022-2022. O Concello asumirá a compra de exemplares do novo traballo.

Este novo disco das míticas Malvela está previsto que sala á luz a vindeira primavera.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, déronlles ánimos nesta nova andadura musical e felicitáronas pola súa extensa e exitosa carreira e por ser “auténticos exemplos de mulleres rurais empoderadas, artistas e profesionais dun sector, o musical, aínda con predominancia masculina”. E declararon que “é unha honra e un verdadeiro orgullo poder colaborar no nacemento dun novo disco que poderemos escoitar en poucos meses e que, de seguro, fará as delicias dos amantes da nosa música tradicional”.

O grupo musical Malvela é un dos principais emblemas culturais do Concello de Mos, promotor da tradición galega e mosense, e da identidade cultural e musical senlleira.

¿E ti, es de Tweet?