O Concello e o comercio de Ponteareas súmase este venres, 27 de novembro, á celebración do Black Friday cunha programación deseñada para dinamizar a actividade económica, apoiar o comercio de proximidade e posicionar os negocios da vila nas novas tendencias do marketing.
Pinchos de balde, descontos e dinamización na rúa
Durante a xornada do venres, os establecementos participantes lucirán decoración e cartelería especial e ampliarán o seu horario de apertura de xeito ininterrompido ata as 23:00 horas. A Praza Bugallal exercerá como epicentro da festa cunha carpa na que se desenvolverán actividades para todos os públicos, cunha Ruleta de premios e gastronomía. As persoas asistentes poderán xogar á ruleta para gañar vales de desconto. Ademais, co obxectivo de crear sinerxías entre sectores, por cada compra superior a 10 euros nos comercios adheridos, a clientela recibirá un vale por un pincho para degustar nos locais de hostalaría colaboradores.
Tamén haberá unha programación específica para o público infantil e xuvenil. Os máis pequenos contarán con obradoiros e xogos na carpa, mentres que a mocidade disporá dun espazo propio cun Bingo Musical para cantar, bailar e compartir unha xornada diferente.
Unha nova APP, MercaTea
Como eixo central desta campaña, o goberno local presenta MercaTea, unha nova plataforma dixital creada para conectar directamente o comercio e a hostalaría coa cidadanía.
A nova aplicación nace como unha ferramenta sinxela e intuitiva tanto para os establecementos como para os consumidores. A través dela, os comercios e locais hostaleiros adheridos poderán compartir información relevante, actualizar horarios, publicar promocións e dar visibilidade aos seus produtos e servizos.
Pola súa banda, a clientela terá acceso a toda a oferta comercial e gastronómica xeolocalizada da vila. MercaTea permitirá á veciñanza e visitantes descubrir descontos, participar en concursos, deseñar rutas personalizadas, realizar reservas ou compras e acumular puntos mediante unha tarxeta virtual de fidelización. A aplicación xa está operativa e o rexistro pode realizarse a través da ligazón: https://mercatea.netlify.app/
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, puxo en valor a incorporación da tecnoloxía á dinamización económica, sinalando que “esta ferramenta facilita visualizar e interactuar comodamente con toda a oferta local”. Así mesmo, a rexedora fixo un chamamento ao consumo na vila, destacando que “o comercio local é un verdadeiro pulmón económico e social da vila, xerador de actividade, emprego e vida nas nosas rúas”.
Na mesma liña, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, destacou a importancia de que o sector aposte polo traballo en equipo, a formación e a adaptación aos novos tempos. “É fundamental que os nosos establecementos participen, se impliquen e aproveiten todas as oportunidades que ofrecen campañas como o Black Friday para chegar a novos públicos e seguir fortalecendo o comercio local” apuntou González.

