O Concello de Allariz convoca unha nova edición do Concurso de Escaparates do Nadal 26/27, unha iniciativa destinada a dinamizar o comercio de proximidade e contribuír á creación dun ambiente festivo nas rúas do municipio durante as festas do Nadal. “Este certame súmase ás iniciativas municipais previstas para estas datas, entre as que se atopan a decoración de Nadal, a campaña O Peto dos Desexos e a programación de Nadal, que se presentarán nos vindeiros días” aseguran dende o goberno local.
A convocatoria é gratuíta e está aberta a todos os comercios, establecementos hostaleiros e negocios con escaparate situados no termo municipal de Allariz. As inscricións poderán formalizarse ata o vindeiro 4 de decembro de 2026 enviando un correo electrónico a comercio@allariz.gal, facendo constar o nome do establecemento, a persoa de contacto, o enderezo e un teléfono.
Os escaparates dos establecementos inscritos deberán permanecer decorados e visibles desde o 4 de decembro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027, mantendo ao longo de todo ese período un nivel adecuado de iluminación e visibilidade.
Criterios de valoración e premios
O xurado estará formado por representantes do Concello de Allariz e persoas vinculadas aos ámbitos da cultura, do deseño ou do comercio. Na súa avaliación terán en conta a creatividade e orixinalidade das propostas, o emprego de materiais naturais, reciclados ou sostibles, a estética xeral e harmonía da composición, a posta en valor do Nadal e da identidade local, así como a capacidade para atraer e sorprender ao público.
Outorgarase un Premio Único ao escaparate mellor valorado, que incluirá un recoñecemento público, un diploma acreditativo e un premio en produtos ou servizos locais. Así mesmo, o xurado poderá conceder mencións especiais se o estima oportuno. O fallo darase a coñecer a través da páxina web municipal (allariz.gal) e das redes sociais do Concello, ademais de trasladarse directamente aos establecementos participantes.

