O Concello de Arbo e os comerciantes da Praza de Abastos veñen de poñer en marcha a quinta edición da campaña de dinamización comercial “Ven ao teu Mercado tamén en Nadal”. A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar o consumo local, captar novos clientes e agradecer a confianza e fidelidade das persoas que elixen os postos do mercado municipal para realizar as súas compras nestas datas sinaladas.
Neste sentido, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou a importancia de manter vivo este espazo tradicional e asegurou que “impulsar as compras na Praza de Abastos non só apoia a quen traballa nela, senón que tamén garante que a tradición do noso mercado perdure para as futuras xeracións, enriquecendo a vida social e económica do pobo”.
O período promocional desta V edición desenvolverase dende o 18 de novembro ata o 22 de decembro de 2026 ás 13:00 horas. Para participar, de xeito totalmente gratuíto e individual, as persoas maiores de 18 anos que efectúen calquera compra nos establecementos ou postos situados na Praza de Abastos de Arbo recibirán unha papeleta no momento do pago, que deberán cubrir cos seus datos persoais e teléfono de contacto e depositar na urna habilitada no propio mercado.
Coa finalidade de recoñecer o apoio da clientela nunha época na que medra a demanda de produtos frescos, sortearanse tres cestas da compra (non transferibles nin trocables por diñeiro). O sorteo celebrarase o martes 22 de decembro de 2026, ás 13:00 horas, na propia Praza do Mercado, mentres que a entrega dos premios terá lugar o xoves 24 de decembro de 2026 no mesmo recinto, xusto a tempo para as celebracións de Noiteboa.

