HomeNewsActualidadeDetidos tres empresarios vinculados ao roubo do cable de cobre de Telefónica...

Detidos tres empresarios vinculados ao roubo do cable de cobre de Telefónica na área de Vigo

A Garda Civil detivo a tres empresarios das localidades pontevedresas de Vigo, Mos e Ponteareas e investigou a outras cinco persoas pola súa presunta implicación nunha trama empresarial adicada ao desvío e aproveitamento ilegal de cable de cobre de Telefónica. Segundo informan dende a comandancia, estímase que “os axentes recuperaron preto de 30 toneladas de cable valoradas en 270.000 euros”.

A operación, denominada COBRETI25, foi desenvolvida coa colaboración do departamento de Seguridade e Prevención do Fraude Norte de Telefónica de España, e segundo as pesquisas, averiguouse que empresas subcontratadas para a retirada de cableado de redes sen servizo de telecomunicacións, aproveitaron o seu acceso ao material para desviar parte do mesmo e obter así un beneficio económico.

Os tres detidos, de 54, 56 e 49 anos, segundo informou o instuto armado, están a ser investigados por delitos de furto, receptación, falsidade documental e branqueo de capitais, mentres que as outras cinco persoas son investigadas como presuntos integrantes do grupo criminal debido á súa participación en diferentes fases dos feitos. Un dos arrestados, veciño de Ponteareas, conta ademais con antecedentes por delitos de receptación e tráfico de drogas.

A investigación comezou en novembro de 2025, cando a Garda Civil localizou varias toneladas de cable de cobre nunha empresa de Ponteareas. Os axentes lograron coñecer a súa procedencia e detectar unha trama na que, presuntamente, se utilizaban distintos procedementos para ocultar parte do material retirado e dificultar a súa trazabilidade. 

Os investigadores constataron ademais irregularidades na documentación asociada aos traballos de retirada, así como o uso de maquinaria para pelar e triturar o cable, eliminando a súa rastrexabilidade.

A procedencia do cable intervido era da liña de servizo de telecomunicacións da subestación central do Porriño, no tramo comprendido entre O Porriño e Mos, instalado en galerías subterráneas próximas á estrada N-550.

A retirada destes tendidos require medios mecánicos específicos para acceder ás cámaras subterráneas e extraer os cables, o que levou aos axentes para centrar as súas sospeitas nas propias empresas que estaban contratadas para realizar os traballos de retirada.

Ao tempo, a investigación permitiu comprobar que o administrador dunha das empresas vixiadas era, á súa vez, un alto cargo doutra empresa subcontratada por Telefónica para xestionar estes traballos; posición que lle proporcionou información privilixiada sobre os procedementos administrativos, as obras previstas e o destino do cable retirado.

A Garda Civil sostén que, co fin de dificultar a rastrexabilidade, nalgúns casos, os traballos de desmonte iniciáronse antes de contar coa autorización formal do proxecto, e unha vez obtidos os permisos, o cable que xa fora retirado podía aparecer documentado como material supostamente subtraído ou como parte dunha perda producida durante os traballos.

Noutras ocasións, cando se trataba de tendidos aéreos, denunciábase a suposta subtracción de cable despois de realizar o desmonte, dificultando a comprobación da cantidade realmente retirada e permitindo, presuntamente, incrementar as cantidade declaradas como sustraídas.

Como resultado da operación, a Garda Civil recuperou aproximadamente 30.000 quilos de cable de cobre, valorados nuns 270.000 euros, e localizou outros 850 quilos de cable novo durante os rexistros practicados en instalacións empresariais de Vigo e Mos.

A operación foi dirixida pola titular do Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución da Praza Un do Porriño, coa intervención da Fiscalía de Área de Vigo. Os tres detidos foron postos a disposición xudicial e quedaron en liberdade provisional á espera da celebración do xuízo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS