O Concello de Mondariz vén de inaugurar oficialmente a recén rehabilitada Antiga Escola de Redo, situada na parroquia de Vilar. O acto contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia; membros da corporación municipal, e tamén con numerosas veciñas e veciños.
Os traballos de mellora e acondicionamento foron realizados grazas aos fondos PIREP, enmarcados na liña de axudas impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. En concreto, esta fase contou cun investimento de 262.896,94€, dos cales 199.354,75€ proceden de fondos europeos NextGenerationEU.
Con todo, a intervención permitiu recuperar un inmoble clave para a identidade local, adaptándoo para que poida servir como punto de encontro e centro de actividades para a comunidade.
Segundo asegurou o alcalde do municipio, Pablo Barcia, “este proxecto constitúe unha importante mellora tanto para o municipio como para os veciños e veciñas que cada día disporán dun local onde socializar e convivir”.
A xornada de inauguración contou tamén cun percorrido detallado polas instalacións para todos os asistentes, co obxectivo de coñecer e comprobar de primeira man o resultado das obras de mellora.

