Un home de 54 anos faleceu este domingo tras un altercado de tráfico con outra persoa. Os feitos tiveron lugar na tarde do pasado domingo na autovía A-55, á altura da parroquia de Tameiga en Mos. A Garda Civil procedeu agora á detención do suposto implicado no altercado.
Segundo fontes do 112 Galicia, varios particulares alertaron do suceso solicitando a intervención das forzas de seguridade ao contemplar unha suposta liorta entre os ocupantes de dous vehículos, que se atopaban na beiravía, á altura do quilómetro 10 da citada autoestrada.
Tras o incidente, a vítima foi trasladada aínda con vida ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde acabou falecendo.
A Garda Civil investiga esta morte, e horas despois do suceso procedeu á detención. Polo de agora, non trascenderon máis detalles e agárdase ao resultado da autopsia para concretar se a morte está relacionada directamente co altercado.

