Dende este mércores 23 de setembro, Portugal prohibe ocultar o rostro en espazos públicos. Trátase da denominada “lei do burka”, que contempla multas de ata 3.000 euros e que entra en vigor hoxe mesmo.
A Lei 58/2026 impide utilizar neses espazos pezas destinadas a “ocultar ou obstaculizar a exhibición do rostro”, aínda que o seu articulado non menciona expresamente o burka, o niqab nin ningunha confesión relixiosa.
A restricción aplícase en espazos públicos como a vía, lugares abertos ao público, sitios destinados a servizos públicos así como onde se presten servizos xeralmente accesibles aos cidadáns. Tamén en eventos, competicións deportivas e manifestacións.
A norma establece excepcións cando a ocultación do rostro estea debidamente xustificada por razóns sanitarias, profesionais, artísticas, de entretemento ou publicitarias, así como por motivos de seguridade ou polas condicións climáticas.
Como outras salvedades, quedan tamén fora do ámbito de aplicación lugares como avións, instalacións diplomáticas e consulares, lugares de culto e outros espazos considerados sacros. No ámbito relixioso, polo tanto, a excepción prevista no texto refírese os lugares de culto ou sagrados e non constitúe unha autorización xeral para ocultar o rostro por motivos relixiosos en calquera espazo público.
A infracción da norma será castigada con multas de entre 150 e 750 euros cando sexa cometida por neglixencia e de entre 400 a 3.000 euros cando exista intencionalidade. Ademais, a propia lei fixa unha pena de ata dous anos de prisión ou unha multa penal de ata 240 días para quen obrigue a unha ou a varias persoas a ocultar o seu rostro. A pena incrementarase nun terzo cando a vítima sexa menor de idade.
Os responsables de vixiar a aplicación da norma serán as forzas de seguridade, mentres que os concellos serán os encargados de tramitar os expedientes e impoñer as sancións.

