HomeNewsActualidadeO programa "Contigo no Camiño" remata o verán cun total de 8.570...

O programa “Contigo no Camiño” remata o verán cun total de 8.570 asistencias a peregrinos

A Xunta de Galicia e a Cruz Vermella completaron un ano máis de colaboración a través do programa Contigo no
Camiño,
un dispositivo especial que este verán, do 13 de xullo ao 25 de setembro, rexistrou un total de 8.570 asistencias a peregrinos. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o director de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, puxo en valor o éxito desta iniciativa que cumpre a súa sexta edición reforzando a protección, o apoio sanitario e a información no itinerario xacobeo.

O Goberno galego ten investido máis de 370.000 euros no desenvolvemento deste programa desde o seu nacemento no ano 2021. Desde ese ano, “os equipos de Cruz Vermella percorreron máis de 36.000Km e atenderon máis de 60.000 asistencias sanitarias”, indicou Xosé Merelles.

No que atinxe ao programa deste 2026, o servizo potenciou os seus recursos ao ampliar de catro a sete os equipos de socorristas móbiles en bicicleta eléctrica (catro na provincia da Coruña e tres na de Lugo), ademais de manter o posto permanente de primeiros auxilios en Portomarín e o albergue Casa Forte de Lusío (Samos) como centro loxístico.

Esta mellora operativa fixo posible que os profesionais e voluntarios percorresen 8.910 quilómetros, o que permitiu multiplicar as asistencias e pasar das 2.400 do ano pasado ás máis de 8.000 de arrastre deste verán. Do balance total deste ano, 2.320 foron atencións sanitarias —a maior parte de carácter leve— e 6.250 foron de índole informativa.

“O programa Contigo no Camiño é un exemplo máis do traballo que o Goberno autonómico está a desenvolver en prol de garantir unha experiencia xacobea satisfactoria, que inclúa non só a seguridade viaria senón tamén a atención sanitaria dos peregrinos”. O director quixo tamén trasladar o seu “agradecemento explícito a todos os profesionais e voluntarios que nos axudan no obxectivo común de facer do Camiño de Santiago un espazo hospitalario e protexido”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS