A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Turismo, Felipe Ferrero, visitaron este martes o Albergue de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves” para facer balance da afluencia de peregrinos este ano no Camiño Portugués da Costa.
Os representantes autonómicos, que recibiron a varios peregrinos de diferentes nacionalidades como Brasil ou Perú que realizan o itinerario xacobeo, destacaron o “acerto do Goberno galego” cando decidiu investir 1,8 millóns de euros para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello.
Segundo explicou Ana Ortiz, a día de hoxe, un total de 83.366 camiñantes xa recolleron a súa compostela tras pasar por Vigo. “É unha cifra estratosférica, un 26 por cento máis que en 2025, cando houbo 90.000 peregrinos, pero quero incidir en que o dato real é moito maior, posto que hai centos que non recollen a súa acreditación no Bispado de Santiago”, apuntou.
Ademais, a delegada da Xunta destacou que “todo indica que pecharemos este ano superando a máxica cifra de 100.000”. Tamén indicou que o 80 por cento dos camiñantes que pasan por Vigo son estranxeiros (9.500 americanos, 9.200 italianos, 7.400 alemáns e 4.000 polacos). “Destaco isto porque falamos de peregrinos con alto poder adquisitivo que paran varios días en Vigo, nos nosos hoteis, comercios e restaurantes”, apuntou.
Ana Ortiz lembrou que desde que foi declarado oficial o Camiño Portugués da Costa, en maio de 2016, xa realizaron esta ruta máis de 353.000 persoas.

