HomeNewsActualidadeUn grupo de voluntariado de toda España traballa na rexeneración ambiental da...

Un grupo de voluntariado de toda España traballa na rexeneración ambiental da ribeira do río Louro

A ribeira do río Louro e os seus afluentes contan dende esta semana cun equipo de traballo moi especial. Un grupo de 11 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos e procedentes de diversos puntos da xeografía estatal —como Galicia, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Aragón ou Estremadura—, que se atopan no Porriño participando no Campo de Voluntariado “Sendeiros do Louro”.

Con motivo do inicio dos traballos, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu ao grupo na casa consistorial o día da súa chegada para darlles a benvida, amosarlles as instalacións municipais e trasladarlles o seu agradecemento polo seu compromiso ambiental e social. Ademais, o rexedor desprazouse ata a contorna do río Louro para visitar aos voluntarios in situ e comprobar de primeira man como se están a desenvolver os traballos de rexeneración.

“O río Louro é un dos nosos bens naturais máis prezados. Con este campo de voluntariado, ‘Sendeiros do Louro’, non só melloramos e protexemos a ribeira e a vexetación autóctona, senón que tamén sensibilizamos sobre a necesidade de manter vivos e limpos os nosos ecosistemas fluviais”, asegurou Lorenzo, quen amosou o seu orgullo por “recibir no Porriño a un grupo de mozas e mozos tan comprometidos co medio ambiente e co ben común”.

Acción directa na contorna natural

O Campo de Voluntariado Internacional “Sendeiros do Louro”, é un proxecto impulsado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Voluntariado, coa colaboración das áreas de Cultura, Educación, Deportes e da OMIX.

O obxectivo deste campo de voluntariado é contribuír á conservación e posta en valor da ribeira do Louro mediante accións de eliminación de especies exóticas invasoras, protección da vexetación autóctona, limpeza de residuos e sensibilización ambiental, favorecendo ao mesmo tempo o intercambio cultural entre participantes.

A iniciativa foi deseñada pola cooperativa de educación, lecer e cultura Avada, entidade con cinco anos de experiencia no desenvolvemento de programas educativos e de participación xuvenil, que será a encargada da coordinación e execución da actividade. O proxecto conta ademais coa colaboración da asociación ecoloxista Verdegaia, que achega o seu coñecemento técnico nas actuacións de conservación do río Louro e os seus afluentes.

Durante doce días as e os voluntarios conviven nas instalacións do CEIP Ribeira de Torneiros. Polas mañás desenvolven as accións de voluntariado ambiental e, polas tardes, participarán nun amplo programa de actividades de lecer educativo, excursións, visitas culturais e dinámicas de convivencia organizadas por Avada (@avada.gal), promovendo valores como a cooperación, a participación e o respecto polo patrimonio natural e cultural galego.

Esta actividade inclúese na Campaña de Verán 2026 da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, presentada baixo o lema “Modo Verán Activo”, que este ano oferta máis de 11.900 prazas en toda Galicia para a mocidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS