Este xoves ás 8:00 h, a presa de Eiras deixará de subministrar auga para poder realizar unha actuación nos condutos de saída da presa, unha obra previa ao cambio definitivo das válvulas do encoro.
A duración estimada dos traballos é 8:00 h a 14:00 h pero a Consorcio de Augas do Louro estima que a volta á normalidade do sistema de abastecemento demorarase ata as seis da tarde, porque hai que coordinar o enchido dos depósitos segundo o seu estado no momento de apertura de válvulas.
Por este motivo, dende o Consorcio piden (especialmente á veciñanza do Porriño e de Mos, ao contar con depósitos máis pequenos) que se extremen as medidas de aforro de auga. Solicítase evitar o rego, o enchido de piscinas ou o lavado de vehículos, xa que deste aforro dependerá a duración desas reservas. Na mesma liña, dependendo das reservas de auga ás 14:00h do propio xoves, se fose necesario, estudiarase o peche dos polígonos empresariais afectados: A Granxa, As Gándaras e Veigadaña. Neste senso, permitiranse os traballos esenciais en horario de mañá, pero trasladouse xa aos grandes consumidores que minimicen o seu uso.
Aínda que non haberá un corte de subministración efectivo, o feito de que estes municipios poidan quedar sen auga dependerá do consumo que se faga durante ese intervalo, entre o peche e a reapertura de Eiras.
“Se as empresas e a veciñanza son responsables, poderemos ter auga para o esencial durante todo o día”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, que aclara que “esta é unha obra fundamental para o abastecemento, dunha gran complexidade técnica”.
A obra de reparación das válvulas, financiada pola Xunta, ascenden a 2,3 millóns de euros. A actuación consiste na substitución das catro válvulas de toma de auga -dúas delas moi danadas- que regulan o fluxo de auga que se envía á estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Casal como paso previo ao subministro á poboación do contorno, máis de 400.000 persoas entre os concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa. A maiores, tamén se reporán as bases de formigón, a renovación de todo o sistema de cables e a posta en servizo de todos os equipamentos aparellados.

