O vindeiro domingo 16 de agosto, Salceda vivirá unha noite especial coa volta do grupo de metais Cataventus, nun concerto único na Praza do Concello, onde reinterpretarán os temas míticos dos anos 80 e 90 e novas versións, baixo o seu característico son de Brass Band.
Cataventus formouse hai 30 anos por un grupo de amigos xurdidos da Banda Cultural de Salceda, converténdose nunha das mellores Brass Band de Galicia, e actuando en diversos festivais e salas de concerto de toda a comunidade, como no Festival Cultura Quente, nas Festas de San Froilán de Lugo, na Ascensión de Santiago, ou nas salas Camawey de Pontevedra, Clavicémbalo de Lugo ou Joker de Vigo.
Vinte anos despois do seu último concerto, reúnense nun cita única ás 21.30 na Praza do Concello. Un concerto que será moi especial, e que contará cos integrantes orixinais do grupo e con músicos que se forón sumando durante os últimos anos. O grupo contará coa presenza de Esteban Batallán Cons, Trompeta Solista da Chicago Symphony Orchestra e Medalla Castelao 2026.
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, asistiron a un dos primeiros ensaios que realizou o grupo no mes de xullo, onde mostraron o seu apoio ao evento, e aseguraron que “será unha das grandes citas do verán en Salceda”.
Hoxe en día, a gran maioría dos seus integrantes son músicos profesionais, colaboradores ou con praza nas principais bandas sinfónicas e orquestras sinfónicas do panorama nacional e internacional.
O grupo está formado polos trompetistas Santi Lorenzo, Pablo Fernández, Fran Mora e Alejandro Vázquez. Co trombón Faustino Núñez e Anibal Sousa; co bombardino Edu Díz e Fran Válcarcel. César Núñez estará coa tuba e Roberto Oliveira coa batería e percusión. A cita servirá tamén coma homenaxe a David Fernández, integrante orixinal do grupo e falecido en 2016.
A Praza do Concello será o epicentro da cita musical, que contará con Dj Vakeiro como telonero a partir das 21.45 ata ás 22.30 que comezará o concerto de Cataventus.

