O Concello de Ponteareas acollerá este venres 7 e o sábado 8, a segunda edición do “OuleTea” de verán, a gran feira de oportunidades local que busca visibilizar e impulsar o comercio de proximidade e que se realizará nas rúas Oriente e Esperanza. Como valor engadido para “xerar fluxo de visitantes e estender as xornadas de compras”, o evento estará arroupado pola programación urbana de “The Jazz Street”, que medra en formato para ofrecer animación continua.
A campaña “OuleTea” sitúase no centro da estratexia municipal para liquidar o stock de verán do comercio local, “ofrecendo aos clientes unha selección de produtos de calidade con descontos únicos directos na rúa”, apuntou Ricardo Gónzalez, concelleiro de Comercio. Con este formato búscase “reter o consumo interno e atraer compradores de toda a comarca, convertendo a Ponteareas no referente de compras do Condado”, engadiu o concelleiro de Comercio.
Mantendo os mesmos horarios establecidos na pasada edición, “para favorecer o descanso e optimizar as horas de maior afluencia”, o dispositivo comercial funcionará na tarde do venres 7 de agosto, de 20:00 a 24:00 horas, e durante todo o sábado 8 de agosto nunha xornada ininterrompida dende as 09:00 ata as 15:00 horas.
Compras, música e actividades
Para potenciar a experiencia de compra do “OuleTea,” a Praza Maior e as rúas de Ponteareas transformaranse nun vibrante escenario urbano, coa celebración do “The Jazz Street”. A programación musical destaca por unha coidada selección que mestura o jazz clásico, o blues, a música klezmer e os ritmos de fusión máis actuais, deseñada para dinamizar as rúas mentres se realizan as compras e se goza da hostalaría local.
A xornada do venres arrancará ás 20.00 horas, de xeito simultáneo, coa apertura do “Recuncho infantil” —un espazo dedicado a xogos tradicionais de madeira para os máis pequenos— e os primeiros acordes do “David Taboada Quartet”, un proxecto de raíz local que abrirá o apetito musical. A noite continuará, ás 21.30 horas, coa enerxía de “Teshuva Band” e as súas rechamantes sonoridades klezmer, xusto antes de dar paso ao primeiro “Obradoiro de baile swing” aberto a toda a veciñanza, previsto para as 22.30 horas. O broche de ouro da primeira xornada porano a “St. James Dixie Band”, as 23.30 horas, que percorrerá o espazo comercial en formato de pasarrúas itinerante, e seguidamente, xa na Paza ás 00.30 horas, os ritmos de fusión bailable de “Layuca”, serán os encargados de pechar a madrugada.
A segunda xornada, a do sábado 8 abrirase ás 20.00 horas, tamén con dúas actividades simultáneas. Para os máis cativos haberá novamente un “Recuncho infantil” con xogos tradicionais de madeira, co fin de que os maís pequenos tamén vivan o espírito dos anos 20. Ao mesmo tempo a agrupación “Diego Nogueira Quinteto” protagonizará a primeria actuación musical do día, cunha proposta que fusiona jazz, latín, funk e folclore galego cun son moderno e aberto á improvisación.
As 21.20 horas será o turno para “David Guerreiro Cuarteto”. Dende Ámsterdam e con raíces en Ponteareas, presentan un jazz contemporáneo inspirado nas emocións cotiás. Ás 22.20 chega unha nova oportunidade de aprender a bailar swing, co Obradoiro de baile para todos os públicos. Unha boa forma de adentrarse nos ritmos do swing. A continuación, ás 23.20 chegará a actuación de “Mr. River”, cun son propio que define o “River Style”, unindo jazz, rock, blues, funk e música tradicional galega. Será o peche da xornada, xa que finalmente, por problemas de saúde, cáese do cartel o “Valentín Caamaño Quartet”.

